Cultura

Román Rodríguez recoñece que no Plan da cultura "hai ocos"

O conselleiro escusa a ausencia da danza na súa acollida en medidas aínda sen concretar
Representación no festival Corpo (a) Terra en Ourense (2018). A danza é unha das grandes esquecidas do Plan de reactivación.
photo_camera Representación no festival Corpo (a) Terra en Ourense (2018). A danza é unha das grandes esquecidas do Plan de reactivación.

Após colgar na web o Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo, os diversos departamentos da Xunta da Galiza acompañaban onte o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha presentación ás profesionais do sector cultural por videoconferencia. Máis de 600 persoas de moi diversa índole -universidades e concellos, artistas, empresas, institucións...- seguiron o encontro, mostra da relevancia desta acción que espertou dúbidas pola falta de concreción en moitos aspectos.

Nun escenario no que quer as hipóteses máis optimistas quer as máis pesimistas ofrecen un futuro incerto, Rodríguez apuntou a "sacar o máximo das nosas potencialidades", facendo, como traslada o documento, especial fincapé no Xacobeo, chamado a ser unha "estratexia de promoción da industria cultural propia".

O diálogo co sector

O conselleiro sinalou que a elaboración do Plan de reactivación tivo lugar nun diálogo real directo con representantes de todo o tecido cultural, baixo o obxectivo común de modificar a oferta para adaptala á situación actual e "incentivar o consumo e a demanda". Porén, tras a súa publicación o sentir deses mesmos colectivos que formaron parte das reunións non semella de satisfacción.

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, foi a primeira en facer pública a súa decepción coas medidas do texto, pois non aparecía un dos compromisos acadados nese diálogo previo: a súa inclusión dentro da programación do Xacobeo. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, fixo alusión a isto explicando que non existen garantías de que se vaian poder celebrar presencialmente e insistindo en que, de facto, o propio documento considera a posibilidade de facelos online, por iso decidiron deixalos fóra de momento. Porén, se finalmente se desenvolven, contemplaríase a opción de novo.

Rodríguez confesou que o plan, malia ser amplo, "non é capaz de chegar a todos os sitios". Mais na súa opinión "cubrimos ao redor dun 70% das demandas"

Noutra clara referencia ao descontento, Rodríguez confesou que o plan, malia ser amplo, "non é capaz de chegar a todos os sitios". Mais na súa opinión "cubrimos ao redor dun 70% das demandas".

O camuflado esquecemento da danza

Entre eses "ocos" que hai no documento, destaca o da danza e o das salas privadas de teatro e concertos. Esta cuestión xurdiu a raíz dunha das preguntas formuladas após a presentación do texto: "Por que non aparecen máis definidas certas medidas, por exemplo, o 'impulso' ao sector escénico?". Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, argumentou que o deseño dunhas medidas está máis avanzado que o doutras. "Estamos en contacto con Escena Galega para deseñar o contido", engadiu, escusando a ausencia da danza e das salas de artes escénicas coa idea de que atopen aí o seu espazo. En canto ás de música, suxeriuse que poderían optar a outras convocatorias relacionadas co Xacobeo.

Haberá bono cultural

Unha das principais novidades anunciadas na reunión que non aparecían recollidas expresamente no plan foi a intención de crear un "bono de consumo cultural galego". Segundo Rodríguez, a Xunta fíxolle unha proposta ao Ministerio de Cultura para que esta fose unha iniciativa cofinanciada, mais "non tivemos resposta". Con todo, comprometeuse a elaborar un propio, procurando que non cree duplicidades, e ofreceu a posibilidade de sumar forzas cos concellos.

De maneira xeneralizada, o conselleiro insistiu na vontade de que a execución dunha parte das medidas sexa inmediata: contan con pór en marcha as primeiras convocatorias en 8 ou 10 días. Outras, no entanto, terían unha tramitación máis lenta. O fondo para proxectos culturais Xacobeo 2021, de 1.500.000 euros, será dos primeiros en ver a luz, e incluiría calquera tipo de manifestación, de vídeos a montaxe de eventos, con dotacións de até 4.000 euros para persoas físicas e 10.000 para as xurídicas.

Comentarios