Os festivais de cinema galegos "defraudados" co Plan de Reactivación da Cultura da Xunta

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que agrupa a 16 certames, critica que a Xunta non os incluíse no Plan Xacobeo 2021.

Xuntanza online de Proxecta
photo_camera Xuntanza online de Proxecta (Foto: Proxecta).

A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galiza, Proxecta, que agrupa a 16 certames cinematográficos de todo o país, recibiu con indignación o novo Plan de Reactivación da Cultura preparado pola Xunta con motivo da crise xerada pola COVID-19.

Despois de varias semanas de conversas coa Consellería de Cultura, o director de Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, comprometérase con Proxecta a un plan global de apoio específico de axuda aos festivais, dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021. Esa era unha das medidas para axudar a reactivar un sector que, como toda a sociedade, non é alleo a este momento tan difícil dun incerto futuro.

No primeiro semestre do ano tiveron que ser aprazados até cinco festivais. Certames como a MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) de Santiago de Compostela, Carballo Interplay, Play- Doc (Tui), Festival de Cans (O Porriño) e (S8) Festival de Cinema Periférico (A Coruña), víronse obrigados a trasladar as datas de celebración a partir de setembro, e atravesan unha difícil situación na que está pendente o traballo de moitas das persoas que prevían contratar.

“Só dúas liñas” con referencia aos festivais de cinema

O Plan de Reactivación da Cultura Galega difundido pola Xunta, é un documento de 71 páxinas “de supostas propostas, no que só hai dúas liñas escritas con referencia aos festivais de cinema, o cal é un indicador claro da escasa consideración que desde a Consellería de Cultura da Xunta se presta aos festivais de cine”, critica Proxecta.

Os festivais de cinema viven na incertidume mentres agardan tamén pola resolución da liña de axudas a festivais de cine e audiovisual correspondente a 2020, cuxo proceso administrativo tivo que ser paralizado por mor da crise da COVID-19”, explica a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galiza, que engade que se trata “dunha dotación global de 190.000 euros que deberá repartirse entre os máis de 20 certames que se presentan a esta concorrencia competitiva, a través dun baremo de puntos, e na que os festivais de cinema teñen a dotación global máis baixa de todas as modalidades de festivais”.

A Coordinadora trasladou unha carta a Xunta, demandando activar “sen demora”, a resolución destas axudas anuais e a rectificación do Plan de Reactivación da Cultura, para “incluír os compromisos de achega do Xacobeo 21 aos que se comprometeu o director de AGADIC”, Jacobo Sutil.

Comentarios