mércores 25/11/20

Xavier Queipo, "Traducir o Ulises é unha homenaxe á Xeración Nós"

"Un non escribe igual –non pode- logo de ter asimilado as ensinanzas estilísticas de Joyce", di o escritor Xavier Queipo que leva anos centrado na tradución dunha das obras mestras da literatura universal. En novembro a Editorial Galaxia publicará o Ulises, a realización daquel soño que a Xeración Nós encetara, un proxecto que é, para Queipo, o recoñecemento da "modernidade e afouteza" daquel grupo intelectual, en especial, de Otero Pedraio. 

Xavier Queipo (foto Cé Tomé)
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)

-Que supón para un escritor enfrentarse ao reto da tradución do Ulises de Joyce?

Traducir é un exercicio saudábel para calquera escritor. Axuda a espeluxar os labirintos internos da escrita. Axuda tamén a procurar opcións na propia lingua, a explorar camiños non transitados. Neste sentido é recomendábel para a formación de calquera escritor.

Constitúe, sen lugar a dúbidas un reto, mais un reto que non pode senón implicar unha maduración no xeito propio de escribir. No caso de Joyce, e do Ulysses en particular o reto é maior, considerando a complexidade formal do texto.

-Deixa un escritor “marcas de autor” ao traducir unha obra narrativa como o Ulises?

É case unha obriga, pois a tradución non é senón unha interpretación dun texto que se nos presenta con códigos alleos ao noso universo lingüístico. Xa o dicía Eva Almazán, co-traductora do Ulises, nunha entrevista no desaparecido Xornal de Galicia en Agosto de 2010. Non atopo mellores palabras e concordo coa mensaxe, por iso a repito: “O da invisibilidade do tradutor é unha entelequia. Nunca somos invisíbeis. Todos deixamos unha pinga de nós, non podemos desaparecer por completo do texto. [...] Traducir é como conducir. Ao volante, salvo ao principio, non pensas en cambiar de marcha; cambias cando cho pide o coche. Na tradución é igual: o texto vaiche marcando o camiño.” Un escritor, aínda máis, deixa pegadas na selección da verba entre múltiples sinónimos, na orde das palbras e no ritmo de lectura. É inevitábel e penso que proveitoso.

"O libro non deixa indiferente  e sen sacralizar en exceso unha obra, diría que un non escribe igual –non pode- logo de ter asimilado as ensinanzas estilísticas de Joyce"

-Recoñece algunha influéncia literaria no Ulises, obra que deixou pegada en multitude de autores e autoras do século XX?

O Ulises é, sen dúbida, unha das obras máis influentes na narrativa europea do século XX. A meirande parte dos escritores que teño consultado recoñecen ter experimentado dificultades co texto. Eu mesmo, hei recoñecer sen arroubo, lera O retrato do artista cando novo, en tradución de Vicente Araguas, pioneiro tamén na tradución de Joyce ao galego e Dublineses, en tradución de Xela Arias e Débora Ramonde”, mais non puidera co Ulises, nin na súa versión orixinal nin na tradución ao portugués. Pasados os anos, confrontado coa necesidade, resultoume máis doado, pois a lectura doutros grandes autores do século XX como Beckett, Cortázar, Sarduy, Bolaño, Walcott, Magris, Wallace, tan distantes como nos poidan parecer de Joyce, aprenderanme xa a descifrar a complexidade.

O libro non deixa indiferente  e sen sacralizar en exceso unha obra, diría que un non escribe igual –non pode- logo de ter asimilado as ensinanzas estilísticas de Joyce.

-Por que un narrador, alén de tradutor, decide asumir o traballo titánico da tradución dunha novela de tal envergadura? Canto tempo lle leva dedicado á tradución?

Cando Victor Freixanes falou do asunto, hai agora máis dunha década, con ocasión dunha visita a Bruxelas en Novembro de 2002, eu dixen que precisaba pensalo uns días; pois o susto foi grande. Eu só non me atrevía, por non me considerar nin coas forzas nin cos coñecementos necesarios para afrontar a tradución en solitario. Antón Viale entrou deseguido no xogo. Despois decidimos pedir a axuda dunha terceira persoa, Eva Almazán, que xa traballaba para Galaxia e tiña sobrada reputación. María Alonso Seisdedos entrou no proxecto na súa fase final, coido que a finais de 2011 e foi de gran axuda para por os borradores en orde e dar o impulso necesario para dar rematado o choio, que logo de certas dúbidas tanto no eido económico como no feito da negativa dos herdeiros de Joyce a autorizar a publicación, ficara en punto morto alá polo 2006.

Lembro un día no inicio do verán, sendo eu moi neno, paseando por Compostela, o meu pai sinalou a un tipo de aparencia gris e entrado en carnes, e dixo, nunha mestura de respecto e admiración: ese señor é Otero Pedraio. Daquela non entendín o por qué da admiración. Pasados os anos, cheguei a comprender e partillar o respecto e sentín que tiña unha débeda dupla: co meu pai, por descontado, e con Otero e toda a súa xeración de resistentes. Ou sexa, que cando Victor propuxo o reto, unha luz prendeu nos labirintos da memoria e non puiden dicir que non. Esa é a explicación final, teorías aparte; o demais é conversa.

"Un dez para Otero na modernidade e un dez tamén no altruísmo de partillar unha experiencia de lectura"

-Como valora, ao fío da súa propia tradución, o esforzo pioneiro de Otero Pedrayo ao traer para a nosa lingua fragmentos da novela?

O gran valor da tradución de Otero Pedrayo foi a oportunidade, o tempo no que se fixo, o que significou no seu momento. É verdade que os fragmentos traducidos por Otero son unha parte menor do texto, menos do 2%, mais a importancia está en transmitir a primicia dun xeito vangardista de escribir, unha entrega para dicir: hai outros xeitos de escribir, hai voltas e reviravoltas que compre experimentar. Un dez para Otero na modernidade e un dez tamén no altruísmo de partillar unha experiencia de lectura.

-Ademais de ser publicada por primeira vez de maneira completa, que cambios se producen a respecto da versión dos fragmentos publicados na revista Nós?

Otero tiña moitos menos elementos dos que nós temos para confrontar a tradución dun texto tan complexo. Pasados noventa anos dende a súa publicación, existen hoxe moreas de traballos sobre o Ulysses con anotacións, explicacións e indicacións diversas. Existen tamén traducións xa canónicas a outras linguas do nosos entorno, que son tamén de gran axuda para os tradutores. Ende máis o galego evolucionou dende os tempos de Otero. Hoxe existe unha lingua patrón, normativizada e porén menos inestábel. Iso axuda a situar a obra traducida, a presentala nun galego accesíbel aos lectores potenciais.

En canto ás diferenzas específicas de como traducir esta ou aquela verba precisa, como interpretar as metáforas ou os trazos estilísticos, ese é un traballo precioso para un investigador académico. Eu non teño os elementos de análise científico necesarios para abordar esa comparanza, mais coido que dá pé a un traballo de investigación fantástico, non só dende o punto de vista da tradución en si, senón tamén na dinámica evolutiva da lingua.

-Que supón, ao seu ver, que unha novela que está considerada iniciadora da narrativa moderna chegue agora a nosa lingua arredor de noventa anos despois da súa publicación?

A importancia é dupla. Por unha banda poñemos a disposición dos lectores en galego unha obra de importancia capital da narrativa do século XX. Por outra, constitúe unha homenaxe a Xeración Nós e a Otero en particular, pola súa modernidade e afouteza, polo seu valioso legado. Pode verse como unha obriga xeracional, recollendo o facho que eles nos deixaran, e seguir así na carreira de dignificar a nosa lingua, de espallar o noso coñecemento, de normalizar o uso do galego, en definitiva, de aceptar que somos quen nós somos.

-A tradución é unha obra colectiva de catro persoas, cal é o seu papel no equipo?

Non se trata dun xogo de rol, mais no subconsciente do grupo os roles están, dalgún xeito, claros. Pódolle dicir que traducín todas e cada unha das verbas que constitúen as case mil páxinas do texto, mais logo, na hora de discutir cal era a mellor opción en cada caso, o meu rol específico foi o de asesor estilístico, contribuíndo a puír o ritmo e a construción das frases, para evitar que acontecera cos lectores desta versión o que a nós nos aconteceu con outras traducións, que o libro se lles caera das mans, de puro esgotamento intelectual. Noutras palabras, todos contribuímos ao proxecto, cadaquén co mellor de si, e as grandezas ou miserias que se poidan deducir do traballo son colectivas.

"Un non fica indiferente logo de ler o Ulises, como tampouco despois de ler a Proust, a Kafka ou a outros grandes narradores".

-Que influencia deixou o Ulises na literatura galega ademais de fascinación de Otero ou Risco?

A pregunta é atinada mais non teño elementos para elaborar unha resposta argumentada. Non son crítico literario nin académico especializado na análise de textos. Só lle podo dicir que un non fica indiferente logo de ler o Ulises, como tampouco despois de ler a Proust, a Kafka ou a outros grandes narradores. Consciente ou, se cadra máis claramente, de xeito  inconsciente funcionan elementos psicanalíticos como o da intercesión e o da transformación, por citar dous, que, por certo, funcionan tamén en calquera tradución (e por tanto en calquera lectura a partir dun texto noutra lingua).

-No labor de tradución, achegarse ao Ulises é especialmente dificultoso polo seu uso da lingua?

Cada lingua ten un caudal determinado e porén ser quen de igualar ambas versións é daquela un asunto de dinámica de fluídos, de vasos comunicantes. Para iso hai que aspirar (dixen aspirar, un desexo difícil de acadar máis ao que un traductoir debe tender) a ter un nivel semellante de coñecemento na lingua de entrada (neste caso o inglés) e na de saída (neste caso o galego). Nese sentido compre reflexionar que se as linguas constitúen a expresión de ideas, que é máis importante, a tradución verba a verba ou o sentido do texto? Para min é claro, que o léxico é importante, mais a interpretación estilística do texto non ten menor importancia. Joyce non só forza a lingua inglesa non seus límites senón que utiliza verbas en francés, italiano e outras linguas, incluído o gaélico. Temos a sorte de contar na equipa con catro persoas que falan e coñecen varias linguas o que ten facilitado a labor de exploración léxica. Logo está que opción escoller en cada momento, mais iso forma parte da dinámica do grupo.

O traductor ten a obriga de investigar, desenvolver e innovar cando fai o seu traballo, pois escribir « bonito » sen posibilidade de inventar verbas ou grafías, sen liberdade para modificar o ritmo pautado dos parágrafos ou a posición das partículas en cada frase, é exercicio para amanuenses que repiten fórmulas estritas, mais non debe ser norma común entre escritores.

comentarios