Xavier Queipo, as novas editoriais galegas e a 'carta a Europa' de Chus Pato, no 'Sermos Galiza' deste sábado

O escritor Xavier Queipo vén de regresar a Vigo e de publicar dous libros, Final feliz (Xerais) e Algoritmos (Galaxia).
O semanario 'Sermos Galiza', á venda este sábado xunto ao teu exemplar de 'Nós Diario', todo por só tres euros.
photo_camera O semanario 'Sermos Galiza', á venda este sábado xunto ao teu exemplar de 'Nós Diario', todo por só tres euros.

"Todos sabemos que se tes determinados amigos é máis doado que os teus libros entren nos planos de lectura do ensino". Nestes termos exprésase o escritor Xavier Queipo na entrevista realizada polo xornalista Manuel Xestoso que protagoniza o semanario Sermos Galiza deste sábado.

Queipo vén de inaugurar unha nova etapa na súa vida. Acabado de xubilar do seu traballo en Bruxelas —aínda que mantén certa actividade profesional— vén de regresar a Vigo e de publicar dous libros, Final feliz (Xerais) e Algoritmos (Galaxia), moi diferentes no seu contido pero moi parecidos na mirada que os guía: unha mestura do científico e do home de letras que lle outorgan un aire humanista pouco frecuente nas letras galegas. Conversamos con el sobre estes dous libros cos que abre esta nova etapa.

Chus Pato e unha 'carta aberta a Europa'

Sermos deste sábado abre coa Carta Aberta a Europa que asina a autora Chus Pato no marco do festival de poesía de Days of Poetry and Wine, que desde 2017 encarga cada ano a unha poeta a redacción dunha misiva dirixida a Europa; este ano corre a conta da galega.

"Desesperamos porque ás veces non somos quen de idear un porvir diferente á actualidade. Desesperamos porque nos adestran para a crenza. A crenza anula o incerto, pero non pode impedir a catástrofe. Afacémonos a vivir na catástrofe e non sabemos agardar máis ca outra catástrofe. Jean-Luc Nancy, no ensaio "Do futuro ao porvir: A revolución do virus" que publicou inicialmente o xornal Le monde, contrapón crenza e fe", expón, nun fragmento desta carta que reproducimos ao completo no semanario.

Novo impulso ao mundo editorial

Neste Sermos abordamos tamén o xurdimento de novas editoriais da man de Tensi Xesteira. Nêspera Editora, 13 Editora, Menino morreu e Léocho agroman nun 2022 con ansias renovadas e co desexo de achegar novas olladas. Falamos coas persoas que están detrás deles para analizar a xénese, os obxectivos, as trabas atopadas e a visión no futuro inmediato.

"Estamos a vivir unha época na que o galego ten presenza en espazos que criamos esquecidos, e iso é algo moi ilusionante, mais si que é verdade que o sector editorial actualmente necesita un novo impulso acorde a estes tempos, e o audiolibro pode ser útil para achegarlles a literatura galega a todas as persoas", comenta Ramón Romero, cofundador da primeira editorial galega de audiolibros, Léocho.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, a comezar por Mãe, de Quico Comesaña, mentres Fernando Montenegro asina o artigo titulado 'A versatilidade do creador contemporáneo'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, empezando por Nope, de Jordan Peele, e Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha visión do "vigor gráfico medicinal". Pola súa parte, Lázaro Armental fala dos interiores urbanos no apartado de Arquitectura.

Noutra orde, Mario Regueira debulla a obra A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea, de Daniela Ferrández (Xerais), mentres Manuel Barreiro fala de Baixo o pantano, o último libro de banda deseñada de Ángela Curro (Demo Editorial). Aliás, o colectivo Xea trasládanos nunha nova viaxe pola natureza do país á costa de Arteixo.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios