Contracultura

Xácia Ceive: "Para entender a forza do activismo trans, hai que facer moito máis que ver un filme"

Xácia Ceive é a promotora do espazo Sete Outeiros e unha das protagonistas de 'Alex & Munchie contra o cisheteropatriarcado', un filme creado xunto con Carmen P. G. Granxeiro.
Xácia Ceive é a impulsora do espazo Sete Outeiros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xácia Ceive é a impulsora do espazo Sete Outeiros. (Foto: Nós Diario)

—Por que crear unha ficción documental?
Alex & Munchie é un xogo dun filme, desafía as nosas demandas de clasificalo todo nun xénero ou noutro: ficción ou documental. Para min xorde precisamente das temáticas que quixemos abordar. Alén do obvio do non binarismo, cando contas historias de colectivos marxinalizados sempre entras en xogos: quen fala polas persoas trans, queer, lésbicas? Como entendemos esas vidas? Quen fala polas traballadoras sexuais? Como se pode documentar obxectivamente o que a nosa cultura insiste en entender mal? Un tema central do filme é a dificultade de montar unha narrativa ben articulada desde o medio da tormenta dun mundo hostil e así, entre xéneros, xogamos co que aínda non temos a capacidade de dicir.

—Tamén abordan a cuestión da identidade.
Eu son trans e Carmen é cis. As dúas somos queer, bolleiras, ou no meu caso bolleira-flexi. A autenticidade do filme existe na materia das nosas vidas que levamos ao proxecto. A identidade é un tema súper complexo e hai unha tendencia a nomear como identidade só as vidas marcadas como diferentes ao hexemónico. Socialmente non falamos tanto das identidades das persoas cis-hetero. Durante moito tempo a identidade foi unha ferramenta de loita social contra a violencia, a exclusión social e as normatividades que exclúen e oprimen. Nese uso político aínda é importante, mais cada vez atópome entendendo a miña vida trans máis en termos de disidencias, experiencias, creatividade, se ben o filme non profunda moito nesas alternativas. Realmente, a identidade é un tema tan amplo que precisaría moito máis espazo para desenvolvelo. 

—Alex di que “a vida é totalmente diferente, mais a xente cis non ten nin idea”. Que perdemos como sociedade baixo a mirada cisnormativa?
Non podo responder a esa pregunta porque o que eu vexo en Sete Outeiros é algo que non se pode compartir sen comezar a convivir con vidas disidentes. O mundo normativo, que levaba décadas finxindo que as persoas trans non existiamos, só admitiu a nosa existencia dentro do paradigma da patoloxización, como se o problema non fose a cultura simplista, reducionista e binaria. Estamos desfacendo a patoloxización legal, mais a sociedade continúa entendendo as nosas vidas sobre esa estrutura.

Por outra parte, precisamente, para combater a violencia e a exclusión social, o discurso do activismo trans enfócase no negativo, nas maneiras nas que as nosas vidas están precarizadas e violentadas. Así é doado perder o que está pasando detrás. A miña perspectiva baséase nas sementes, os comezos dunha nova cultura pos-patoloxizadora nunha revolución que non deixa nada estábel. Para entender esa forza hai que facer moito máis que ver un filme, mais a miña esperanza era pór algunhas posibilidades enriba da mesa. 

—Fala de reinventar as fantasías queer e de matar aos referentes. Como foi o proceso de chegar a unha boa representación?
Incompleto. A complexidade da marxinalización implica que sempre hai máis que dicir. Todas as persoas facemos arte desde as nosas posicións sociais: limitacións, estruturas de poder e marxes crean as condicións da nosa arte. As persoas que adoitan dominar as artes, historicamente homes, brancos, cis e presumibelmente heterosexuais, viven moito menos destas limitacións vitais. Créase unha aparencia falsa de poder falar libremente desde unha universalidade. As limitacións creadas pola sociedade para unha persoa transfeminina migrante son moitas máis, o que dá máis material para a arte transformativa. Con todo, as mesmas exclusións representan trabas ao mundo da arte e para poder entender a arte creada desde estas perspectivas hai que entender as marxes. Alex & Munchie non intenta expor e explicar: para as persoas trans e queer espero que sexa unha lembranza de que podemos existir na arte e para o resto é un convite, unha man estendida.

Comentarios