Xabier Ron descobre os códigos cifrados da lírica medieval: "Facer unha cantiga era entregarlle un don á señor"

O estudo parte de perto de medio milleiro de textos de máis dun cento de trobadores con declaracións a mulleres da nobreza mediante unha serie de códigos para non poñer en perigo o segredo do vínculo amoroso.
Xabier Ron.
photo_camera Xabier Ron.

Logo da análise de 471 textos pertencentes a máis dun cento de trobadores, o grupo de investigación de Románicas da USC logrou profundar nas estratexias de comunicación cifrada empregadas nestas composicións galego-portuguesas nas que se declara o amor a mulleres da nobreza.

O doutor en Filoloxía Románica Xabier Ron Fernández acaba de publicar un traballo centrado na influencia da oralidade nos relatos amorosos dos trobadores galego-portugueses. O investigador subliña o feito de que na Idade Media todo era oral, o que repercutía na maneira de compoñer, de contar a historia e de divulgar as cancións por parte dos trobadores.

Segundo explica, "os trobadores tiñan que realizar unha especie de peregrinación (itinerarium ad Dominam) a través da cal debían mostrar os seus valores corteses para ser dignos de recibir a aceptación da dona. Facer unha cantiga era entregarlle un don á señor, un don que se divulgaba de xeito oral, con acompañamento da música”.

Relacións entre clases sociais

Esta relación producíase entre partes desiguais da cadea social. Por este motivo, entre a señora e o servidor había un pacto ou xuramento de fidelidade con deberes e dereitos para ambos, unha cláusula de silencio que impregna as cantigas. "Ante a imposibilidade do trobador de declararlle o seu amor en público, esta relación tiña que ser confidencial, polo que nas súas cancións debe calar moitas cousas, encubrir, disimular, protexer a súa amada mediante unha serie de xogos poéticos".

"Estabelecían entre eles uns códigos descoñecidos para o resto porque a declaración de amor ocorre en público, ante un auditorio, que, por motivos sociais, non pode decatarse de quen é a destinataria", engade.

Até o de agora non existían traballos centrados neste aspecto. Esta monografía representa a culminación de tres intensas décadas de investigación do autor.

Comentarios