A RAG reedita a escolma na que Filgueira Valverde repasou as cantigas de Afonso X

Lanza un volume dixital polo 800 aniversario do nacemento do rei.
Filgueira Valverde, autor da obra sobre Afonso X. (Foto: Cultura.gal)
photo_camera Filgueira Valverde, autor da obra sobre Afonso X. (Foto: Cultura.gal)

A Real Academia Galega (RAG) vén de recuperar unha escolma sobre a obra do rei Afonso X, asinada polo académico Xosé Filgueira Valverde, con motivo do 800 aniversario da data de nacemento do monarca. O volume, que ten máis de 40 anos de historia, está agora dispoñíbel en formato dixital a través da páxina web da institución. 

A RAG destaca que a obra, que fora encargada a Filgueira Valverde, saíu do prelo por primeira vez en 1980 con motivo do Día das Letras Galegas que se dedicou ao rei polas súas Cantigas de Santa María. 

A academia, que fala da creación de Afonso X como “un dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, transmitido en catro códices con máis de catrocentos cantares en lingua galega”, explica que Filgueira Valverde fora elixido como responsábel da edición por ser un dos grandes especialistas na obra do monarca. O autor galego -que á súa vez tivo a homenaxe do Día das Letras Galegas en 2015- reuniu e comentou as sete composicións que se localizan de forma clara na Galiza. Con 40 anos ás súas costas, agora esa valoración volve ver a luz malia que só sexa nun formato dixital. 

As e os interesados poden localizar Afonso X e Galicia. E unha escolma das cantigas, na que aparecen tamén dúas lendas relixiosas e catro pezas sobre os grandes milagres da peregrinación a Compostela, na sección de publicacións do sitio web do organismo.

Este engade que a escolma, accesíbel de forma gratuíta, “complétase con sete pezas profanas de escarnio e maldizer do rei con referencias a personaxes galegas”. 

Na peza, o autor achega ao público xeral a obra literaria do monarca e explica o seu contexto histórico, subliñando "a difícil relación do rei coa Galiza", destaca o académico Henrique Monteagudo

“É unha achega singular dun erudito que foi quizais o primeiro especialista de referencia internacional en Afonso X e as Cantigas de Santa María. A súa tese, dedicada á Cantiga 103 e que veu a lume en 1936, foi a primeira en España sobre este cancioneiro”, incide Monteagudo sobre o traballo de Filgueira Valverde. 

“O libro co gallo do Día das Letras Galegas de 1980 resulta de grande interese pola introdución e os comentarios que realiza sobre a problemática relación do monarca coa Galiza e coa peregrinación xacobea, da que Afonso X foi pouco entusiasta", resume, pois mesmo se falou do seu interese en facer propaganda contraria ao Camiño. 

Comentarios