martes 20/10/20
É deseñadora en Raposeiras Editorial

Wendy Carolina: "Raposeiras vai editar en galego normativo e en reintegrado"

Carla, Paloma e Wendy Carolina son as tres integrantes e cofundadoras de Raposeiras Editorial, un novo selo nado durante o confinamento por mor da Covid-19. Centradas na elaboración de material didáctico vencellado ao mundo das artes, teñen xa en marcha unha campaña de prevenda que lles permitirá custear a súa primeira colección, 'Eu nas vangardas'. 
WENDY CAROLINA
Wendy Carolina, de Raposeiras Editorial. / Nós Diario

Como e por que nace Raposeiras Editorial?
En pleno confinamento, estabamos dúas das rapazas da equipa pasando a corentena xuntas e ocorréusenos que tiñamos que facer algo, porque subiamos polas paredes. Chegamos á conclusión de que no noso terreo, a historia da arte, non había un material didáctico para as crianzas co que puidesen aprender algo, que non fose só un caderno para pintar, senón que tivese un contido de maior calidade e que tamén fose divertido. Vimos o mercado e non atopamos material tan concreto, nin tan específico. Tamén chegamos á conclusión de que non podiamos quedar só en coleccións de arte, así que a editorial vaise abrir tamén a unha colección de música, na que as crianzas poidan escoitar unha listaxe de Spotify do que estamos a falar no libro e pintar os retratos de músicos de jazz, de blues... Outra colección na que pensamos é de literatura infantil, máis que nada para achegar as obras máis clásicas e espertar o interese dos pequenos e das pequenas pola lectura. Non se trata de contarlles a historia, senón de facer unha pequena escena para que a pinten e coñezan un pouco a obra para que teñan interese en lela. Trátase de darlles ás crianzas recursos, para que coñezan o mundo cultural que os rodea.

Centraranse no infantil? Cal será a clientela?
Son libros para todas as idades, porque ao fin e ao cabo un libro de colorear tamén vale para aquelas persoas ás que lles gusta pintar mandalas; ou persoas que gosten da arte. A nosa clientela queremos que sexan nais e pais que busquen brindarlles ás súas crianzas contidos de calidade e en varios idiomas. Iso é algo moi importante para nós, editar todos os libros en diferentes linguas parécenos fundamental. Agora é complexo atopar un libro que teñas dispoñíbel en castelán e en galego, e xa non nos referimos á norma AGAL (Associaçom Galega da Lingua). Queremos editar todos os libros en galego da RAG (Real Academia Galega), en galego AGAL, en castelán e, proximamente, sairemos tamén en inglés. Non entendemos por que se limita o material didáctico nun só idioma.

Como afrontan a posta en marcha da editora?
Parecíanos apetecíbel facer un crowdfounding, confiabamos no proxecto, e estivemos un tempo intentándoo pero poñíannos moitas trabas, exixíannos moitas cousas e non veriamos os cartos até xaneiro. Iso para nós era inviábel, así que decidimos facer a nosa propia campaña de prevenda. Deseñamos os paquetes que se poden ver na web e desas vendas sacaremos o investimento da primeira tirada. Se tivésemos cartos de abondo o libro xa estaría na imprenta pero temos que agardar un pouco. A campaña durará dous meses, e a partir do 7 de novembro empezaremos a enviar os pedidos, que se poden facer a través da web, por transferencia bancaria ou cheque, e estamos a contactar con librarías, porque nos interesa facer a nós mesmas a distribución comercial en tenda física, sen intermediarios.

Cales son as metas a curto e medio prazo?
Queremos ter, antes do Nadal, un par de libros máis da colección 'Eu nas vangardas'. En total cinco libros de arte, o primeiro do cubismo e xa estamos a traballar no segundo, que será sobre o fauvismo. Queremos ter mínimo tres libros editados para decembro. Xa estamos tamén a comezar unha colección de 'Nais no mundo', cunha bióloga e temos outro proxecto, ou pre-proxecto de música, coas músicas do mundo. Non paramos. 

comentarios