As voces máis novas da poesía galega

Afra Torrado, Paula Antía Rey Baliña, María Vilas e Helena Salgueiro son, xunto a Antón Blanco, Ismael Ramos e Tamara Andrés, algunhas das autoras máis novas da Galiza. Sobre isto escribimos no Sermos Adega 234.

A poesía é o xénero que racha as barreiras que separan as diferentes vertentes artísticas. No poema, a filosofía, a pintura, a fotografía e mesmo a antropoloxía están presentes. O texto que impacta é aquel que crea pensamento cunha voz xenuína. A capacidade de transitar e cultivar un espazo propio.

Como recoñeceu a editora e poeta Dores Tembrás en declaracións a Sermos Galiza, “a poesía no noso país sempre gozou de moi boa saúde arredor da creación”. Hoxe en día, na Galiza, hai moitas e moitos poetas de grande calidade, mais tamén están a agromar novos nomes. As voces máis noviñas da poesía galega chegan pisando forte.

Elas, eles

2Afra Torrado, Paula Antía Rey Baliña, María Vilas, Antón Blanco, Helena Salgueiro, Ismael Ramos e Tamara Andrés son algunhas das voces máis novas da poesía galega. Todas chegaron á escrita poética de maneiras moi diferentes, mais a todas as une ese aquel do que agroma o poema. Torrado recoñece que sempre escribiu relatos e contiños, mais a poesía aparece na súa vida en plena adolescencia, arredor dos 15 anos, etapa na que se cociñan as primeiras ideas, sentimentos e dramas.

De xeito distinto chegou para Paula Antía Rey Baliña, María Vilas e Tamara Andrés, xa que o primeiro contacto que tiveron coa poética foi na escola. Tamara Andrés comezou a escribir de xeito completamente inxenuo en primaria. “Poio, a localidade onde vivo, está moi vencellada ao concurso literario Xaime Illa que aquí ten lugar. As escolas fan moito por difundilo entre os seus alumnos. Tiven unha mestra, María Xesús, que nos infundiu a paixón pola poesía. A min, ademais, animoume a que escribise algo para o concurso porque sabía da miña querenza pola literatura. Foi aí cando comecei a xogar coas palabras”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 234, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios