O Resurrection Fest, cuxa historia se remonta a 2006, é xa unha das principais citas europeas no que a rock no límite se refire. A programación, de base metálica, ábrese ao punk, ao hardcore, ao post rock ou ao progresivo. Mais conta con catro ou cinco indiscutíbeis cabezas de cartel.
Logo do inicio deste 3 de xullo a partir das cinco da tarde con bandas como Bury Tomorrow, Municipal Waste ou Ignite, será a quinta feira a que acolla o primeiro dos concertos estrela: o dos estadounidenses Slayer, pioneiros do subxénero trash, versión rapidísima e influenciada polo hardcore do heavy.
O nu metal de Slipknot, celebrada banda dos 90, protagonizará a noite da sexta feira, 5 de xullo. Na ampla oferta desa noite haberá tamén tempo para o metal sinfónico ou black metal melódico -as etiquetas non son doadas de delimitar no mundo metálico- dos ingleses Cradle of Filth ou para Converge, estadounidenses, que alguén cualificou de mathcore -hardcore matemático.
O sábado 6 de xullo será a quenda doutros veteranos trash: os californianos Testament. King Diamond, danés e ex integrante de Mercyful Fate, ou Lamb of God, tamén estadounidenses e practicantes de metal core, son outros nomes salientábeis dunha última xornada en que pasarán 29 bandas polas táboas.
E é que entre os 92 grupos que participan no Resurrection Fest hai oferta de todo tipo. Dos vascos Berri Txarrak (sábado, 6 de xullo) aos galegos Cró! (quinta feira, 4 de xullo) aos portugueses Serrabulho (sexta feira, 5 de xullo) ou os españois Toundra (quinta feira, 4 de xullo).
Nota: táboa cos horarios do Resurrection Fest 2019.