luns 28/09/20

'A viñeta de Schrödinger' trae de volta a banda deseñada 'made in Galiza'

Como lembra Kiko da Silva, houbo un tempo, non tan afastado, no que para as publicacións de banda deseñada en galego o primeiro número era tamén o último. Afortunadamente iso cambiou, e boa proba é a saída do prelo do terceiro número de 'A viñeta de Schödinger', que está dirixido polo propio Kiko da Silva.
2020'Astrocito' é unha obra de Miguel Porto no que adolescentes e robots xigantes conviven nunha terra devastada. (Foto: Nós Diario)
2020'Astrocito' é unha obra de Miguel Porto no que adolescentes e robots xigantes conviven nunha terra devastada. (Foto: Nós Diario)

Hai pouco máis de dous anos, a finais de maio de 2018, tiña lugar en Compostela a presentación d'A viñeta de Schrödinger,  unha revista de banda deseñada en lingua galega que apostaría por historietas "curtas" e "autoconclusivas".

A decisión non podía ter máis sentido. Como revela o seu director, Kiko da Silva -un dos nomes con máis prestixio no mundo da banda deseñada galega-, "unha das cousas máis típicas das publicacións en lingua galega era non pasar do número 1".

Por sorte, os tempos cambian e hoxe A viñeta de Schrödinger, que naceu con vontade de publicación trimestral, lanza o seu terceiro número e xa está preparando un cuarto, o que para Da Silva quere dicir que "si, as cousas están mudando".

"Vexo con bastante optimismo o futuro -sinala o artista vigués-, pois a pesar de todas as circunstancias externas a banda deseñada galega nunca tivo tanta saúde como na actualidade, conquistamos moitísimas cousas nos últimos 20 anos. Por exemplo, antes só tiñamos autores e autoras, pero agora tamén comezamos a ter unha base leal de lectores e lectoras, así como propostas editoriais serias que teñen como obxectivo facer produtos de calidade na nosa lingua que poidan competir co resto das publicacións en lingua castelá".

A idade de ouro da banda deseñada en galego

Kiko da Silva considérase orgulloso de traballar man a man coa Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) -entidades responsábeis da edición d'A viñeta de Schrödinger- polos seus niveis de "comprensión" do sector da banda deseñada.

"Respecto e dignidade laboral, pois a cultura hai que pagala, é o que necesitamos no mundiño do cómic. Os autores e autoras teñen que cobrar polo seu traballo, e estou moi orgulloso de que tanto A Mesa como a AS-PG entenderan todo isto e me deixaran deseñar unha publicación acorde a eses requisitos".

Para o seu director, o único cambio que levaría a cabo se puidese n'A viñeta de Schrödinger é o número de páxinas: "Se por min fose, levaría máis páxinas, por unha banda porque facemos un produto de gran calidade e, por outra, porque querería acoller todas as creadoras que temos actualmente facendo banda deseñada en galego, que son moitas e dun gran nivel, o que resulta abraiante, pois na miña época había un gran baleiro e agora, grazas á formación en centros como O Garaxe Hermético ou a eventos como Viñetas desde o Atlántico, ese baleiro parece que nunca volverá producirse no noso país".

Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, revela que este novo número da publicación xa está dispoñíbel a un prezo de só 5 euros na loxa electrónica da propia Mesa, tamén na da AS-PG e nas principais librarías e tendas de cómic do país.

Cuestionado sobre as motivacións da entidade que preside á hora de lanzarse á aventura de editar un volume con estas características, Maceira explica que "desde hai moitos anos non tiñamos na Galiza unha publicación específica en galego, nun formato como é a banda deseñada, que ten moito público, especialmente novo, e que ademais moitas veces non ten acceso ao galego xa non só na banda deseñada, senón tamén na televisión, a audiovisual ou internet". "Xa que logo, queriamos contribuír dalgún modo a que a lingua galega estivese presente neste ámbito", engade.

Finalmente, Marcos Maceira destaca a "calidade" das e dos autores que participan neste terceiro número, salientando nomes como o de Miguelanxo Prado, Miriam Iglesias, Belén Ortega ou Fran Bueno.

comentarios