martes 22/09/20
FERNANDO M. CIMADEVILA, AUTOR DE "O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN"

“A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”

Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.

 

 “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”

-A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d'O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?

A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é  autoconclusiva. 

-Significa que xa ten fin?

Sei como vai rematar a historia principal. Cando me enfronto a unha historia, teño que ter claro o remate, porque o argumento vai focado cara ao final. 

-A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino. 

Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica... Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía.  O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. 

-Condición da fantasía é permitir a creación de mundos novos?

Tanto na fantasía coma na ciencia ficción, que son xéneros diferentes, pódese contar o mesmo ca nunha historia real, os mesmos conflitos, mais podes imaxinar o mundo que queiras. O que busca unha persoa lectora de fantasía é a evasión. A historia real reflicte o noso mundo e a fantástica é coma os espellos da feira, que distorsionan a imaxe, mais continúa a ser a realidade con outra perspectiva. 

-De feito o libro iníciase cunha cita do Diario do Cartógrafo -da propia trama- na que di “En ocasións precisamos abandonar a nosa realidade, mergullarnos nos primitivos reinos da imaxinación.” De que materia se constrúe entón a literatura fantástica?

Esa cita é representativa do que quero nesta obra. Teño a miña propia concepción da fantasía. Gústame pensar que serve para nos evadirmos do mundo real para, logo de que volvamos, nos axude no mundo real. É coma un sopa, á que imos para relaxarmos. Na vida real, tamén na da mocidade, ás veces temos demasiadas esixencias e precisamos un repouso, e a nosa mente precisa, por así dicilo, camiñar por bosques máxicos. 

-Fuxir para volver de maneira distinta?

Non é unha fuxida. Fuxir é quen busca outras cousas; renderse. Isto é ao revés: é unha busca do que este mundo non che dá. Mergúllaste nunha historia para dares con respostas que non tes. É unha procura, e as procuras sempre son positivas. 

“Ler literatura fantástica é coma ir a un spa” 

-Que claves manexa para se facer co aplauso do público?

Hai varios puntos clave. Un deles é a promoción, mais ese é un punto no que non podemos competir con grandes editoriais. As outras partes son as que ti mesmo controlas. A primeira, para o meu ver, saber do que estás a falar. Lin moito de fantasía e sei o que buscan os lectores do xénero. Quero tamén ser honesto co que fago; escribo o que me gusta, o que me apetece, a historia da que estou namorado, e iso reflíctese no libro. Iso transmítese, nótase, e logo os lectores son os que fan a promoción co seu boca a boca. 

-Tamén tivo que ter esa afinidade cun personaxe singular, como Basilius Hoffman, para o facer protagonista dunha obra tan longa, coa que convive tantos anos...

Precisaba unha certa identificación e Basilius conségueo. Aínda tendo máis de cincuenta anos, non esqueceu o que é ser un neno; loitar polos soños, as inquedanzas. Sabe que esa busca, esa mocidade que tenta manter, custoulle un prezo que é, por exemplo, non ter familia ou unha vida máis asentada. Ademais de ser unha persoa divertida -o típico arqueólogo-, comparte coa xente da miña xeración que seguimos sentíndonos novos para a idade que temos, e dámonos conta de que a xeración anterior medrou demasiado pronto, ao mellor tamén porque comezou a traballar moito antes.

-A que público se dirixe?

Eu son moi admirador de Momo ou A historia interminábel, de Michael Ende. Cando os lin de maior, quedei anonadado coa súa carga psicolóxica. Decateime de que tiña dúas lecturas, e iso é o que quero para os meus libros: que teña unha lectura cando un é novo e outra de maior, cando te transporte de novo á mocidade. 

-Ademais de escritor, vostede creou unha editorial especializada, Contos Estraños. Que o levou a botar a andar este proxecto?

Son emprendedor. Tiven dúas librarías e o proceso da editorial veu dado. Vimos que o primeiro libro de Basilius Hoffman funcionaba e decidimos crear un selo independente. Neste momento temos arredor de cincuenta autores; xente que estaba na súa casa e non arrincaba está agora a escribir nos xéneros de fantasía, terror ou ciencia ficción. 

"En breve publicaremos a primeira antoloxía de ciencia ficción erótica"

-Contos Estraños vén de anunciar a fusión con Urco. Como fica agora o panorama da edición de literatura fantástica?

Os lectores apenas notarán a diferencia. O selo de Contos Estraños seguirá aparecendo e Urco encargarase do tema de loxística, a produción e a distribución. A formulación legal muda, mais non a liña da editorial. Haberá, se cadra, unha maior coordinación que, en todo caso xa había xa que Tomás é editor das dúas. Contos Estraños escolleu a opción de publicar autores e autoras novos mentres Urco ía a máis consagrados. Só agora imos traballar con autores xa coñecidos e, de cara ao 5 de agosto, para a súa presentación na Feira do Libro da Coruña teremos na rúa a primeira antoloxía de ciencia ficción erótica, con autores como Manuel Lourenzo, Ramón Caride ou Xesús Constenla. 

-Na lectura das súas novelas é fácil imaxinar a posibilidade de levalas ao cine. Sería un dos seus desexos como autor?

Unha crítica á tradución ao español do primeiro libro dicía que se o autor, no canto de ser galego, fose norteamericano, estaríase a falar xa da adaptación cinematográfica. O libro é cinematográfico porque teño coñecemento de guión e, cando estruturo unha obra, procuro facela visual. Vivimos nun mundo audiovisual e, se consegues facer que o libro se vexa, xa tes un logro. 

comentarios