O ferrolán Fernando Barroso publica 'Live at Silence Lovers Club'

Viaxe ao fondo da mandolina

Non é o instrumento máis habitual como protagonista dun disco. E porén poboa, discreto, multitude de obras folk, bluegrass, rock americana, ou portuguesas. A Fernando Barroso (Ferrol, 1979) parece non importarlle contradicir a tendencia: o seu novo traballo, Live at Silence Lovers Club, orbita en 12 pezas arredor da mandolina.  
 

Fernando Barroso
photo_camera O músico ferrolán Fernando Barroso. Foto: cedida.

“Sempre toquei instrumentos de corda. De feito, comecei pola guitarra. Despois pasei a outros de corda dobre, como o bouzuki. Ate que rematei na mandolina, que é semellante ao bouzuki mais cunha escala menor”, relata Barroso. Coñecer e acompañar ao Júlio Pereira, lendario músico portugués que chegou escoltar a José Afonso, axudoulle a se decidir.

fernando barroso - live at silence lovers club

O ferrolán carga longa experiencia na mochila. Budiño, os Cempés ou Xabier Díaz son algúns dos  músicos cos que compartiu escenario. En formato trío, editou en 2011 o traballo homónimo de Assembly Point, folk acústico derivado dun cruzamento entre Galiza, Portugal e Irlanda. “Mais o ano pasado decidín parar e enfocarme máis na miña música”, di. En 2016 publicara ao seu nome Intropía, “un disco de estudio, unha amálgama, con moitos colaboradores”. E un son máis usual no folk escorado á world music.   

Live at Silence Lovers Club é un concepto completamente oposto. Máis limpo, que me permite facer directos”, engade. Austero e adelgazado ate o dúo, A mandolina -e o bouzuki e a guitarra acústica- de Barroso comparte gravación co chelo de Margarida Mariño e a intervención puntual -na canción Ausencia- dan voz e o acordeón de Celina da Piedade. E, contra as aparencias iniciais, “é moito máis rico, tamén a nivel de composición. Un vai evoluíndo e ao tratar cun instrumento novo, abrésenlle portas”.

Rastros swing, de jazz primitivo, con aires persas e, por suposto, a tradición galega, sérvenlle a Barroso para explorar as posibilidades do instrumento dun xeito inédito. Ao fondo, explica, algúns discos do mencionado Pereira -Cavaquinho (1981), ou Geografias (2007)- ou a habelencia do “fóra de serie” da mandolina bluegrass Chris Thile. “As músicas do leste, ou o laúde árabe, influíron. Máis non nos entido de copialos, senón que van quedando na cabeza e saen á hora de compoñer”, afirma.

Live at Silence Lovers Club foi rexistrado en directo no auditorio As Pedriñas de Mos, con engádegas no estudio Cuarto Baleiro de Salceda de Caselas, onde reside Barroso na actualidade. O dez de febreiro, Fernando Barroso presentará a obra no Auditorio Municipal de Vigo, canda Margarida Mariño e a achega de Celina da Piedade. Despois levarao a León, Madrid ou Saint Boi e volverá Galiza, en datas aínda por confirmar.

Comentarios