Vía Galega enche o Museo do Pobo Galego para conmemorar os 90 anos da Galiza como nación

A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza definiu o evento como un "éxito".
O congreso de Vía Galega, hoxe no Museo do Pobo Galego. (Foto: Vía Galega).
photo_camera O congreso de Vía Galega, hoxe no Museo do Pobo Galego. (Foto: Vía Galega).

O Museo do Pobo Galego acolleu ao longo do día de hoxe o Congreso Galiza Nación, que celebrou os 90 anos do recoñecemento da nación galega, que se oficializou no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, decorrido o 16 e 17 de setembro de 1933 na cidade de Berna (Suíza).

Organizado por Vía Galega coa colaboración da Deputación da Coruña, foi inaugurado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

O evento congregou máis dun cento de persoas que asistiron a unha serie de relatorios dos que o primeiro chegou da man do profesor Xosé Estévez, que disertou sobre a Sociedade de Nacións e o antedito recoñecemento internacional da Galiza como nación que deu nome ao evento.

Despois foi a quenda de palabra de Uxío Breogán, tamén profesor de universidade, quen centrou a súa palestra no nacionalismo galego durante o primeiro terzo do século XX, correndo as dúas últimas intervencións durante a sesión de mañá por Rubén Lois (‘A significación de Plácido Castro na proxección internacional da Galiza: a voz galega no exterior’) e María do Carme García Negro (‘A Unión Europea como supraestado nesta etapa do capitalismo monopolista’).

Logo dun receso para xantar, o escritor e ensaísta Francisco Rodríguez reflexionou sobre o marco político actual da Galiza, baixando o pano unha mesa redonda titulada ‘As nacións sen estado na actual Europa: o dereito de autodeterminación dos pobos’.

Na mesma debateron a senadora electa de EH Bildu Olaia Duarte, a deputada de ERC no Parlament de Catalunya Montserrat Fornells e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Unha vez concluído o congreso, Vía Galega cualificou de “éxito” o feito de encher o Museo do Pobo para a conmemoración dos 90 anos da participación e admisión da Galiza no IX Congreso de Nacionalidades Europeas.

Comentarios