Vía galega organiza un congreso no 90 aniversario da declaración da Galiza como nación

No mes de setembro, que mañá comeza, fanse 90 anos do recoñecemento da Galiza como nación oficial no IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Para celebrar a efeméride, a plataforma social Vía Galega organiza un congreso con diferentes relatorios que repasarán a proxección da Galiza no ámbito internacional e o labor de figuras como 
a de Plácido Castro.
 
Plácido Castro no domicilio familiar de Corcubión, 
nos anos 20. (Foto: Fundación Plácido Castro)
photo_camera Plácido Castro, voceiro do Partido Galeguista no Congreso de Nacionalidades Europeas (Foto: Fundación Plácido Castro).

O 16 de setembro Vía Galega organiza no Museo do Pobo Galego (Compostela) o congreso Galiza Nación para celebrar os 90 anos do recoñecemento da nación galega, que se oficializou no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, decorrido o 16 e 17 de setembro de 1933 na cidade de Berna (Suíza).

Este congreso naceu en 1925 estreitamente vencellado á Sociedade de Nacións, organismo predecesor da actual ONU, co obxectivo de dotar as nacións sen Estado dun instrumento que lles permitise defender os seus intereses. Axiña converteuse nun altofalante das  reivindicacións de diferentes pobos, entre eles o galego.

O cumio reuniu políticos de máximo nivel durante as súas edicións. Un deles foi Plácido Castro, filólogo e xornalista representante do Partido Galeguista no cumio.

Plácido Castro presentou no congreso unha declaración na que defendía que a Galiza era unha nación. Este documento sintetizaba os informes recollidos previamente polo secretario xeral do Congreso naquel momento, Edwald Ammende. 

A figura de Castro estará moi presente no congreso que impulsa Vía Galega co gallo do 90 aniversario do recoñecemento da nación galega. Xulio Ríos, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) repasará as principais achegas de Plácido Castro a través do seu relatorio.

Ao longo da xornada tamén intervirán expertos como o escritor e ensaísta Francisco Rodríguez, que reflexionará sobre o marco político actual da Galiza; o profesor e historiador Xosé Estévez, que afondará no recoñecemento internacional do país en 1933; o profesor da Universidade da Coruña (UDC) Uxío-Breogán Diéguez, que falará sobre o nacionalismo galego no primeiro terzo do século XX e a economista e profesora da María do Carme García Negro, que incidirá no papel de Europa no contexto capitalista actual.

Defensa do país

En declaracións a Nós Diario, o voceiro de Vía Galega, Anxo Louzao, explica que o obxectivo do congreso é "relembrar todo o seu significado e reflexionar sobre a importancia que ten o dereito a ser libre un pobo". Louzao destaca a relación existente entre o recoñecemento da Galiza como nación e o Partido Galeguista, unha forza comprometida coa defensa do país desde unha perspectiva "pacifista" e con "vontade antiimperialista".

Transcorridos 90 anos desde que a Galiza foi declarada oficialmente como 'nación', Louzao avalía os avances que se produciron no camiño cara á soberanía. "O Estatuto de Autonomía é totalmente insuficiente, non é o status político que necesita a Galiza", asegura.

O congreso de Vía Galega fechará cunha mesa redonda na que participarán os deputados Néstor Rego (BNG) e Montserrat Fornells (ERC) e a senadora Olaia Duarte (EH Bildu).

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios