Música

Vertixes Sonoras reivindica o músico Enrique Macías

Un monográfico sobre o músico autodidacta, chave para comprender o desenvolvemento da música contemporánea na Galiza.
Enrique Macías foi precursor da música electroacústica
na Galiza [Fundación Juan March].
photo_camera Enrique Macías foi precursor da música electroacústica na Galiza (Foto: Fundación Juan March).

O VIII Festival de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora chega ao remate desta edición co ciclo monográfico Universo Macías: así pasen 25 anos, tres xornadas dedicadas a analizar e celebrar a figura de Enrique X. Macías cando se fan 25 anos do pasamento que conmocionou a toda unha xeración da intelectualidade galega.

As xornadas inícianse hoxe, 6 de novembro, no auditorio Martín Códax de Vigo, nun contexto de dificultades para o mundo da cultura que "acaso nos achega un pouco máis a un compositor incomprendido, abocado ao autodidactismo, fillo da intuición, do estudo e da reflexión nun tempo no que as posibilidades de formación neste eido, na Galiza eran nulas", sinalan desde a organización.

Con todo, Macías loitou contra os contratempos e non tardou en recibir encargos de fóra do seu ámbito máis próximo. O primeiro en chegar foi o de Radio Nacional de España ("Poema de Requiem"); anos despois, o goberno Finés convidouno como compositor-residente no Estudo Experimental da Radio en Helsinki.

A partir de aí os éxitos comezan a sucederse a nivel internacional: Holanda, Cracovia, Francia, Italia ou Brasil recoñeceron o valor dun corpus de obras que o converteron nun dos compositores máis salientábeis da súa xeración que, ademais, traballou no Gabiente de Música Electroacústica de Cuenca, no Instituto de Sonología de Utrecht e no Groupe de Recherche Musicale de París.

A súa obra foi programada nos máis importantes festivais europeos (Bienal de Venecia, Encontros de Música Contemporánea de Lisboa, Festival de Bourges, Semana Internacional Gaudeamus de Holanda, Festival Antidogma Música de Turín, Perspectives du XXeme Siècle de Radio France...).

En Universo Macías Vertixe Sonora quere recoñecer e manter viva a súa figura, ao tempo que puxa por levar a música contemporánea a novos públicos e a outras xeracións.

Así, ademais dos concertos programados, haberá oportunidade de escoitar voces como a do profesor Carlos Villar Taboada (Universidade de Valladolid), Roberto Oliveira (investigador e percusionista) e Paco Yáñez (mundoclasico).

Entre os pratos fortes do monográfico destaca a presentación en exclusiva mundial dun documental de Manuel del Río sobre o seu traballo.

Comentarios