Contracultura

Vero Rilo: "O teatro é o lugar para contar o mundo que non queremos escoitar, é lugar de resistencia"

Vero Rilo (Mugardos, 1984), narradora oral, foi a persoa designada para redactar o manifesto galego do Día Mundial do Teatro, que cada ano é encargado a unha figura destacada pola Asociación de Actores e Actrices da Galiza.
A narradora oral Vero Rilo. (Foto: Yolanda Ataraxia)
photo_camera A narradora oral Vero Rilo. (Foto: Yolanda Ataraxia)

—Que sentiu cando recibiu o encargo?
Moita responsabilidade, ademais imprevista, porque non contaba para nada con que me chamasen. Sendo sincera tamén pensei que igual non era a persoa máis acaída, esa cousa que temos ás veces. Mais ao final recollino con moita alegría porque tamén penso que contar con alguén da narración oral é un achegamento desde o teatro. Non sei se queda moi ben dicilo, pero ás veces parece que somos a curmá pobre desta disciplina.

Unha vez que me puxen a escribir o que me pasou é que non contabilicei os caracteres e cando o enviei dixéronme que todo moi ben, pero que había que recortar moito. Iso é o peor, porque unha vez que xa tes cousas escritas non sabes que quitar. Logo, ao reler a versión final, tiven a sensación de que quedara un texto moi de andar por casa, mais tamén creo que o que quería contar tiña que saír desde ese punto, non intentando lucirme. É un rexistro de ti a ti. Como dicía Nuria Vil en Indóciles, “acaso teño que buscar palabras rebuscadas para que isto se considere poesía?”. Pois se cada non. Se cadra só hai que falar das vidas e da alegría como rebeldía e intelixencia.

—No manifesto fala de precariedade laboral, censura e resistencia. Cre que son as palabras que definen a situación actual do teatro?
Depende de para quen. Se falamos da maioría, é unha profesión que anda sempre na corda frouxa por moitas casuísticas e desde logo si hai unha precariedade laboral. Tamén creo que desde o inicio dos tempos fomos a resistencia. O teatro é ese lugar para contar o mundo que non queremos escoitar ou o mundo que non podemos contar. É un lugar de resistencia e insistencia.

Desde o acomodo, a facilidade e o benestar, é máis doada a rebeldía que desde outros lugares de precariedade. Aínda así, eu son das que pensa que non pode ser pan para hoxe e fame para mañá. Isto é unha carreira de fondo que hai que ir facendo día a día. Eu sempre tiven unha posición clara e no meu traballo non quero esquecerme dela. A memoria histórica sempre estivo presente ao longo de todos os meus traballos, igual que outros camiños como o do feminismo e a tradición. Neste manifesto, e neste momento que estamos vivindo, creo que é máis importante que nunca mantelo. Tampouco teño claro se houbo outro momento ou se simplemente muda a cara ou o nome.

Respecto a quen non o ve así, mais entendo que é un manifesto nominal e que eu fun a persoa á quen llo encargaron. Creo que é inevitábel que todas estas mensaxes, esta resistencia e rebeldía, vaian da man porque se non, que sentido ten a profesión?

—Precisamente, unha das frases do manifesto é “acaso non esixe o teatro dedicarlle unha vida enteira?”.
Para min é unha carreira de compromiso e de resistir. De contar o mundo que nos contaron e o mundo que non nos contaron, de saber o que queremos contar e o que podemos contar. Tamén digo “o teatro dá vida e deixamos a vida nel” e para min é iso. Ás veces quítacha, mais é así a propia vida. Eu a oficina téñoa na casa, non hai unha liña que separe a miña vida do teatro. Ás veces preciso separarme e illarme, mais para min o teatro é un xeito de vida. Estou comprometida a facer as cousas o máis limpas posíbeis. Cando non sexa para min ou eu deixe de ser para este traballo, se sinto que me estou vendendo, dedicareime a outra cousa.

Comentarios