CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Venom: From The Very Dephts

Dende o máis fondo chega o novo disco de Venom após de 4 anos sen pasar polo estudo. 

Venom

Dende o máis fondo chega o novo disco de Venom após de 4 anos sen pasar polo estudo. Chegan cun álbum que, nas primeiras escoitas deixoume algo descolocado. Non atopamos os Venom aos que estabamos acostumados na súa faciana máis clásica, aínda sen afastarse do black metal, do cal foron os verdadeiros precursores, seguen polos camiños que xa deixaban ver no seu anterior traballo “Fallen Angels”, abrindo o abano estilístico cousa que lle dá máis xogo para confeccionar o álbum. 

Após o compendio de sons guturais que a modo de introdución plasman en “Eruptus”, chega “From the Very Depths” un tema incisivo no que as guitarras son as verdadeiras protagonistas. E así seguir cun Cronos lucíndose no baixo e nas voces na divertida “The Death of Rock'n'Roll”. Un inicio de disco que se parece que vai traer trash e speed metal de calidade até chegar a “Smoke” onde aparece a guitarra cuns riffs de corte étnico e unha baixada do tempo e da calidade. Cinco minutos de canción que se fan eternos até que por fin chega “Temptation”, outro deses temas que sabes que son dos Venom porque está no seu disco e pola persoal voz de Cronos, mais que deixa moito que desexar.

Estaba decepcionado e crendo que non había solución, pero chegou “Long haired Punks” e recuperei a fe

Certamente, estaba decepcionado e crendo que non había solución, pero chegou “Long haired Punks” e recuperei a fe. Sen dúbida un dos mellores temas do disco e cun recendo á gloriosa primeira época da banda que segue polo seu lado escuro con “Stigmata Satanas”, onde volven aparecer os Venom blasfemos, máis musicalmente afastados do black metal que prosegue en “Crucified”, onde xa nos ficou claro que a banda ultimamente escoita nu metal e groove, pero que hai tempo que non escoita os seus “Welcome to hell”, “Black metal” ou “At war with Satan”. Ademáis diso, ficou claro que tomaron algún tipo de droga de alteración sensitiva que lles fixo crer que “Evil Law” era un tema para ser gravado e incluído no disco. Mais o mal gusto que ficou no corpo sácase con “Grinding Teeth”, un bo tema, cañeiro e desfrutábel. E chegados aquí debería ter rematado o disco, pero debeulles parecer curto que quixeron meterlle máis recheo, xa que “Ouverture”, “Mephistopheles” e “Wings of Valkyrie” realmente sobran. Sálvase o tema de peche “Rise”, que se o saben levar ten pinta de converterse nunha bomba en directo.

O mellor futuro de Venom está no seu pasado, como se pode ver no disco. Na súa preocupación por soar actuais, perderon totalmente a súa identidade, sen saber en ocasión cara onde van e quen son. De feito este traballo é moi irregular, hai bos temas e outros que mellor que nunca existiran que fan que o disco non pase á historia e que aos fans da banda non lles guste, mais igoal atopan un novo público que lle sea de agrado, todo se verá.

Vídeo: Venom - Long Haired Punks 

Listaxe de temas

01. Eruptus
02. From the Very Depths
03. The Death of Rock’n’Roll
04. Smoke
05. Temptation
06. Long Haired Punks
07. Stigmata Satanas
08. Crucified
09. Evil Law
10. Grinding Teeth
11. Ouverture
12. Mephistopheles
13. Wings of Valkyrie
14. Rise

Venom na rede

Web:http://www.venomslegions.com/

Comentarios