domingo 01/08/21
O ILG publica o VII 'Atlas lingüístico galego'

A variedade léxica dos termos de parentesco recreada en 294 mapas

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Compostela (USC) vén de publicar o sétimo volume do seu Atlas lingüístico galego (ALGa) dedicado, desta volta, ao léxico referido ao ser humano. 
mapa
Imaxe do mapa 45 do 'Atlas'. (Foto: ILG)

Trátase dun volume constituído por 294 mapas que dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vencellados coa familia, coas relacións de parentesco, coa vida en sociedade e con certos oficios.

En total, máis de 4.000 variantes léxicas para os preto de 300 conceptos que foron analizados polos profesores e investigadores da USC, Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa.

A maioría dos mapas que integran o Atlas lingüístico galego presentan as diversas designacións rexistradas para unha mesma referencia de significado. Palabras como rapaz, mozo, chaval... labrador, labrego, paisano... telleiro, louseiro, canteiro... recollen as súas diferentes acepcións segundo a área xeográfica na que nos situemos.

Ademais, algúns dos mapas dan conta da diversidade de significados con que son empregadas certas denominacións referidas a medidas utilizadas no mundo agrícola, como ola, ferrado ou  canado...

Non é primeira vez que o ALGa publica un volume con información léxica relacionada co ser humano, en 2005 publicouse o volume quinto tamén con datos sobre o vocabulario referido ao corpo humano.

O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega distribuídas entre a Galiza e as áreas administrativas de Asturias, León e Zamora.

O Atlas lingüístico galego está vencellado con outros proxectos europeos de xeografía lingüística e desenvólvese coa axuda da Consellaría de Cultura e mais a Fundación Barrié.

comentarios