sábado 04.07.2020

Vari Caramés visita o Pasatempo coa súa cámara

O fotógrafo Vari Caramés retrata o parque do Pasatempo de Betanzos nun traballo que expón na galería Trinta de Santiago. O obxectivo de Caramés fica prendado co pasado, a maxia, a imaxinación e a melancolía do espazo ideado polos irmáns Naveira. 

Detalle da imaxe
Detalle da imaxe

 “Pretende ser unha reflexión, unha metáfora sobre o paso do tempo; unha visión outonal, crepuscular, unha maneira de falar do deterioro, da madurez, da fraxilidade e vulnerabilidade do ser humano e dun mesmo”, explica o fotógrafo arredor deste novo traballo que expón na Galería Trinta no que incorpora un filme en super 8 para evocar a primeira visita da súa infancia. 

A exposición está aberta até o día 15 de xaneiro na galería compostelá Trinta na que o fotógrafo quere “evocar o deslumeamento e a sorpresa que experimenta un amateur ao visitalo, transitando co seu tomavistas como un neno perdido nun soño”, a través dun xardín que define como “iniciático, romántico e algo naif”. 

Así como para o filme emprega unha cámara de super 8, as fotografías son tomadas por unha vella Brownie Kodak en formato cadrado, co fin de “reforzar a sensación atemporal”. Da mesma maneira que André Kertész, de quen recoñece admirar, utiliza a cámara como ferramenta a través da que tenta “dar sentido” ao que o rodea. 

“Fixando detalles dese extraño lugar, castigado pola desidia e o esquecemento; bañándome na melancolía, na nostalxia, quizais buscando a aura, a maxia romántica das súas ruínas, un lugar na miña memoria, un … pasatempo”, escribe Caramés na explicación de autor da súa nova exposición.

comentarios