Contracultura

Vanesa Álvarez: "O mural 'Unión co Universo' invita a reflexionar e por el pasan 350.000 persoas ao día"

Vanesa Álvarez, deseñadora gráfica, foi a encargada de pintar o mural situado no chan das áreas peonís de Union Square (Nova York), que mide 2.200 metros de longo. Unión co Universo, como se chama o mural, pretende lanzar unha mensaxe ecoloxista a todas as persoas que pasarán por enriba del durante o próximo ano.
A aritsta Vanesa Álvarez no mural de máis de 2 quilómetros que pintou en Union Square de Nova York. (Foto: Jane Kratochvil)
photo_camera A aritsta Vanesa Álvarez no mural de máis de 2 quilómetros que pintou en Union Square de Nova York. (Foto: Jane Kratochvil)

—Este é o primeiro mural que fai no chan, non?
Exacto, e, aínda que por pouco, tamén é o máis grande. Paréceme incríbel que o meu primeiro mural no chan sexa en Union Square. A cousa é que aquí en Nova York todo o tema de facer murais tan grandes é sempre por convocatoria aberta, polo que é todo como moi democrático: ti envías o teu currículo e ideas e o comité de expertos avalía e dá o traballo a quen decidan.

No caso de Union Square, hai unha convocatoria anual para pintar este mural nas zonas peonís. Eu xa me presentara o ano pasado e, polo que me dixeran, fun case das finalistas e o meu deseño gustou moito, mais non cheguei a ser seleccionada. Este año insistín con outro deseño distinto e finalmente si cheguei a ser seleccionada. 

—Cales foron as principais dificultades á hora de facelo?
A primeira o tempo, que igual que facemos na Galiza estivemos mirando todos os días e agardando para que non chovera. Alén, só tiñamos catro días para facelo, polo que era necesario que puideramos cumprir cos prazos que tiñamos programados porque aínda que non pasan vehículos si houbo que valar e cortar esas zonas, o que tamén implica moita burocracia.

Comezamos coa imprimación unha segunda feira ás sete da maña, facendo tamén a cuadrícula para marcar. Foi espectacular porque batemos récord: catro mulleres marcamos o mural completo na segunda feira. A terza feira xa foi o día no que marcamos as liñas e a cor que ía ir en cada parte porque a cuarta e a quinta viñan quendas de voluntariado a axudar.

É certo que ao traballar con voluntariado tamén tes a dificultade de que hai moita xente pintando á vez e no chan, que como te despistes podes dar unha mala pegada e levar outra pintura por enriba do que xa está pintado. Con todo, é a forma de traballar que máis me gusta, coa comunidade e que o resultado sexa para nós, algo público, polo que tamén é o máis bonito de todo o proceso.

De feito, moito dese voluntariado vén da veciñanza ou das empresas que hai perto desta Union Square. E foi precisamente por isto, cando fixen o bosquexo para envialo, que deseñei pensando nesas persoas que ían vir pintar, polo que hai moitas formas simples. Quería que a xente desfrutara pintando e que non fora un sufrimento, e de feito todas recibiron moi ben que houbera ese fondo ecoloxista e feminista. Ao final, entre este apoio e co do Departamento de Transporte da cidade de Nova York (DOT Art), con quen traballamos sempre, logramos rematar a tempo.

—Como escolleu a temática do mural?
Sempre fun unha persoa comprometida que creu que a arte debía servir para pór a actualidade, os valores e as loitas enriba da mesa. Por suposto que desfruto tamén da que existe só para ser contemplada e da beleza, pero a min gústame aproveitar para lanzar unha mensaxe e intentar cambiar o mundo para mellor. É unha forma de facer reflexionar desde o optimismo e a amabilidade e que tamén acaba transformando os espazos, como é este caso no que algo gris e baleiro está cheo de cor e que invita as persoas a reflexionar. Xusto hai pouco escoitei que por ese punto pasan arredor de 350.000 persoas cada día; non podía desaproveitar a oportunidade. 

—Canto durará a pintura na rúa?
Démoslle un verniz moi potente, mais cada día pasan por enriba motos, bicicletas, patinetes... Ademais tamén hai que ter en conta a polución da zona e o clima bastante extremo de Nova York, onde vai tanta calor no verán que en canto podo escapo para Galiza. Até o outono adoitan aguantar ben, mais en canto chega o frío e teñen que botar sal ou cae algunha nevada xa se estraga, por iso a convocatoria é anual. O mural do ano pasado era unha peza absolutamente espectacular, mais a verdade que non nos deu mágoa tapalo porque estaba xa destruído, non aguantan máis.

Comentarios