martes 24/11/20
O premio ao mellor proxecto de webserie foi para a animación 'Cacola'

'Válidas' vence na sétima edición do Carballo Interplay

Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) triunfan no Carballo Interplay, que celebrou a pasada noite a súa gala de entrega de galardóns, nunha edición estritamente en liña, e cunha festa da que o actor Xose Barato foi o mestre de cerimonias.
Fotograma da webserie gañadora deste ano, 'Válidas'. (Foto: Nós Diario)
Fotograma da webserie gañadora deste ano, 'Válidas'. (Foto: Nós Diario)

O VII Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, clausurou a que tivo que ser a súa primeira edición integramente en liña. E baixou o pano onte á noite coa gala, presentada polo actor Xose Barato, na que se entregaron os premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente.

Válidas, foi sen dúbida a gañadora desta sétima edición, ao recibir o Premio á Mellor webserie estatal e tamén o Premio do Público, que este ano puido ver e votar as series finalistas da súa Sección Oficial a través da rede. O galardón de Válidas está dotado con 800 euros e mais o trofeo do festival.

A serie conta a historia de Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) "fabulan a vida de dúas cómicas que participaron en multitude de proxectos, pero ás que ultimamente nada lles sae ben. As Victoria e Carolina da ficción fan todo o posíbel por conseguir notoriedade. Todo vale".

A animación divulgativa de Antón Varela a través de Os 20 do XX, conquistou o Premio á Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado tamén con 800 euros e trofeo.

O Premio á Mellor webserie internacional, dotado tamén con coa mesma cantidade económica e trofeo, foi para Subsolo, unha serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa como pano de fondo, os seus problemas financeiros e dúbidas existenciais, "situacións incómodas e íntimas". Cada episodio segue unha personaxe diferente, algúns deles crúzanse e outros nunca se ven.

Egoitz Diaz gañou o premio AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, por Ixa, unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non lugares, gravada en formato vertical favorecer a visión no móbil e que nace co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro entre a xente máis nova.

E Alvaro Carmona conquistou o premio CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización) á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, pola segunda tempada de Gente Hablando, unha serie que trata temas universais a través de conversas cotiás entre dúas ou máis personaxes e que o ano pasado conquistara os premios do público e guión, tamén para Álvaro Carmona. 

O premio de maior contía do festival outórgaselle ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Cacola, un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar

O premio á mellor actriz foi para a galega Anxela Ríos por Destapando Casares, un thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares. E o de mellor actor para Raúl Fernández de Pablo, pola segunda tempada de Gente Hablando.

O xurado novo, composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Pikuak, unha serie en éuscaro sobre "tres mulleres novas divertíndose e loitando xuntas".

O xurado deste sétimo Carballo Interplay compuxérono o actor Brays Efe, o director Alfonso Zarauza, as xornalistas Fernanda Tabares e Andrea Gumes e o guionista Guillermo V. Zapata.

comentarios