Uxía canta a unha “Rosalía Pequeniña” pirata e punki

Unha Rosalía punki, rockeira e pirata. Así é a poeta que Uxía canta no seu novo traballo “Rosalía Pequeniña” (Galaxia) un libro-cd con once cancións para poñerlle música á poeta desde crianzas. 

Uxía e Vítor Freixanes na presentación de "Rosalía Pequeniña"
photo_camera Uxía e Vítor Freixanes na presentación de "Rosalía Pequeniña"

 “Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela, unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki”. Así presenta á autora de “Cantares Gallegos” a escritora Begoña Caamaño no limiar que abre o disco-libro no que Uxía ofrece novos ritmos para que as crianzas canten á poeta. Na presentación do traballo no Dezaseis de Compostela, a música reivindicou unha Rosalía “insubmisa e pirata” que interpreta cun amplo abano de ritmos, desde a muiñeira ao rock. 

Para musicar os poemas, Uxía contou con boa parte da “troupe” musical que a acompaña nos seus múltiples proxectos. Aquí están as voces de Sés, Guadi Gallego, a Señora Carme ou Aline Franzao, os arranxos de Sergio Tannus, os sons de Isaac Palacín, Benxamín Otero, Pablo Seoane, Santi Cribeiro ou o propio Magín Blanco, que a acompañou na presentación de Compostela na que interpretou os temas que abren e pecha o disco, “Rosalía pequeniña” máis “A grasia non era moita”. 

Unha Rosalía chea de alegría e enerxía que descobre á poeta “que todo o mundo leva dentro e que ten que descubrir”, sinalou Uxía que ofrece tamén con este novo traballo un material que viña a ser demandado desde o ensino. 

A grasia si era moita

Con este fin, do achegamento de Rosalía ás crianzas, a cantante ten programado arredor de 40 concertos en centros de ensino, como anunciou o director de Galaxia, Vítor Freixanes que enmarcou o proxecto dentro da conmemoración do 150 aniversario de “Cantares Gallegos” Como unha “aposta pola creatividade e por unha nova lectura dos seus textos” presentou o editor esta nova interpretación musical que lle porá ritmo a unha nova Rosalía. “Cada xeración le a Rosalía dun xeito distinto” afirmou para citar a Xoán Montes, Os Tamara, Amancio Prada ou Voces Ceibes como predecesores nese proxecto de facer canción dos poemas da escritora galega máis universal. 

Rosalía non é neste traballo reinterpretada só musicalmente senón tamén na imaxe, nunha poeta miúda creada pola ilustradora Marina Seoane nunhas imaxes que foron moi aplaudidas por todas as persoas participantes. 

“Como chove miudiño”, “Has de cantar” “Paseniño”, “Miña santiña, miña santasa”, “Alborada” ou “Maio longo” son algúns dos poemas musicados nun disco que inclúe tamén unha recreación do poema de Curros dedicado a Rosalía. 

“A Rosalía de castro pola inspiración eterna e por deixarnos vestir os seus versos de cores e ritmos” escribe Uxía no comezo dunha longa dedicatoria que pecha dirixíndose ás Rosalías pequeniñas que soñan “non ser musas nin postais e si poetas e meniñas-mulleres dos nosos días” para citar a poeta Rosalía Fernández Rial. 

Comentarios