Trinta anos tras a pegada do crime na literatura nunha xornada do CCG

Trinta anos despois da publicación de Crime en Compostela de Carlos Reigosa, o Consello da Cultura Galega revisa as tres décadas da novela negra galega nunha xornada que se desenvolverá o próximo 6 de febreiro coa participación dos máis destacados escritores do xénero. 

Carlos Reigosa
photo_camera Carlos Reigosa

Coordinada por Teresa López e Dolores Vilavedra, a xornada “30 anos de novela negra galega” percorrerá a historia do xénero na nosa literatura, desde o seu nacemento coa publicación de “Crime en Compostela” de Carlos Reigosa, obra gañadora do Premio Xerais, ate a actual expansión co aumento de títulos e autores que teñen nos crimes, o misterio e a investigación o cerne da súa escrita. 

A xornada, que se desenvolverá o día 6 de febreiro no Consello da Cultura Galega conta coa participación do propio Carlos Reigosa, autor da novela inaugural na literatura galega, alén de creadores e creadoras do xénero como Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Dolores Redondo, Domingo Villar, Diego Ameixeiras ou Miguel Anxo Fernández. 

Presentada como “espazo de reflexión e análise sobre as particularidades dun modelo creativo que xa é moito máis ca un fenómeno literario”, a xornada do CCG propón unha “abordaxe multidisciplinar” na que o xornalismo, a banda deseñada e o guión audiovisual terán tamén cabida da man do guionista Alberto Guntín, o xornalista, guionista e autor de banda deseñada Manuel López Poy, o creador de banda deseñada Miguelanxo Prado, a profesora Elena Losada ou a xornalista Motse Dopico. Inscripción e programa están ao dispor na páxina do Consello da Cultura Galega.

Comentarios