Despois de seis días nos que o certame Novos Cinemas proxectou en Pontevedra 24 películas de máis dunha vintena de cineastas emerxentes, o festival fixo públicos este domingo, 19 de decembro, os premios da súa sexta edición. Ao longo da semana atopáronse creadoras, creadores e público para intercambiar opinións e presentar as súas obras, tiveron lugar oito actividades formativas para xente de todas as idades e encontros profesionais con cineastas nos que se puideron ver as primeiras imaxes de películas como Cando toco un animal (Anxo Filgueira), Á procura da estrela (Carlos Martínez Peñalver), e Matria (Álvaro Gago). Ademais, tamén visitaron a cidade cineastas como Elena Martín Gimeno, María Pérez Sanz, Adrián Canoura, Chema García Ibarra, Leonor Díaz Esteve, Joke Olthaar, ou Liliana Torres, entre outros.
Despois da proxección das películas a competición e a deliberación dos catro xurados do festival, deuse a coñecer palmarés desta sexta edición de Novos Cinemas.
O Xurado Internacional, formado polo cineasta Álvaro Gago, a programadora Inês de Lima e a música e actriz Cora Velasco, escolleu dar o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial ao filme Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado. Destacan que é "un filme que esculpe a través da súa materialidade sensíbel e agreste unha fantasmagoría que infecta e asombra. Ese asombro é fermoso e necesario, xa que é traballado a través da reivindicación dunha posición revisionista dun pasado colonialista glorificado, nun presente en perigo de glorificarlo novamente. Pola xustiza e dignidade dunha cámara que filma corpos coma se fosen paisaxes".
"Por ser unha aposta valente, xenerosa e delicada, que explora a complexidade do proceso da procura identitaria desde un lugar vulnerábel e baixo o abrazo continuo da beleza contida no fracaso. Un filme que corre o risco do ridículo para regalarnos un retrato extremadamente honesto da entrada á idade adulta, que nos fai sentir moi perto por sernos tan familiar", o Xurado da Sección Oficial outorgou unha Mención Especial a Actual People, de Kit Zauhar.
O Xurado Novo, formado por estudantes da Universidade de Vigo concedeu o Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial a Clara Sola, de Nathalie Álvarez Mesen "por ser unha visión moi orgánica cunha exposición dos personaxes moi complexa, sen estigmatizar. Un tema tratado con sensibilidade, onde se presentan moi conectadas a relación entre os personaxes, a natureza e o espiritual".
Outorgaron tamén unha Mención Especial, por votación democrática, a Rendir los machos, de David Pantaleón "por como traballa a composición, a fotografía e a sucesión dos planos. A relación entre o rural e o urbano, como rescata a tradición e preséntaa como se comportan os homes, grazas á interpretación dos personaxes, ante unha tradición tan arraigada".
O Premio do Público, escollido polas persoas que asistiron ás salas de cinema foi tamén para Rendir los machos.
O Xurado de Latexos, composto por Iria Silvosa (Numax), Carla Blanco Miraz (Zumzeig), Manuel Asín (Círculo de Belas Artes), Víctor Paz (Duplex Cinema) e Javier Pachón (CineCiutat), decidiu que, "pola maneira que ten a directora de contar un conflito político desde o íntimo, facéndoo de forma arriscada, coherente e con concisión cinematográfica; polo uso que realiza do seu propio corpo e o doutras mulleres, pola súa visión refrescante do material de arquivo e do cinema de diario", a película gañadora do premio Latexos deste ano é 918 Gau, de Arantza Santesteban.
"Por ser capaz de transmitir a experiencia dos relatos orais europeos e latinoamericanos manexando con mestría os ritmos de narración e impregnando o conxunto dunha cativadora musicalidade", o Xurado da Crítica da sexta edición de Novos Cinemas, formado por Júlia Gaitano, Cristóbal Soage e Florencia Romano, outorgaron o Premio do Xurado da Crítica a Re Granchio, de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis.
"Por revelar que existen infinitas maneiras de mostrar como un home sóbese a un cabalo a través dun dispositivo que materializa na pantalla unha pulsión cinéfila capaz de conectar persoas a través do tempo e o espazo", o Xurado da Crítica outorgou unha Mención Especial a No existen 36 maneras de mostrar cómo un hombre se sube a un caballo, de Nicolás Zukerfeld.