A sexta edición do festival Novos Cinemas achegará a “radicalidade estética” e a fuxida das modas audiovisuais a Pontevedra entre o 14 e o 19 de agosto. Así é como define a organización do certame tanto a proposta de apertura, A virxe roxa, de Marcos Nine, como a de clausura Espíritu sagrado, primeira longametraxe de Chema García Ibarra, e polo tanto traspasarán ese carácter á cidade mentres teña lugar o evento.
Polo de agora só transcendeu esta parte da programación, na que tamén terá certo protagonismo o obradoiro ‘Os entes’, detrás do que estarán os coñecementos e a experiencia de Chema García Ibarra e Leo Díaz.
Os universos “tan singulares como inmediatamente recoñecíbeis” de Marcos Nine e Chema García Ibarra van ser protagonistas principais.
Do primeiro, Novos Cinemas estreará para a Galiza -após o visionado do público da Seminci- A virxe roxa (Recrea Films), unha proposta que “a historia real de Hildegart Rodríguez, nena prodixio e ensaísta política e social, á quen a súa nai Aurora matou a tiros mentres durmía ao non verse executado o plan de futuro de 'libertadora da muller' que tiña ideado para ela”.
Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán “Morris” danlle voz a este documental que fala dunha muller que, con só 18 anos, era unha das feministas destacadas da Segunda República en España. No entanto, a película tamén repara no seu significado como “un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai”.
Para o feche desta sexta edición, proxectarase a ópera prima de García Ibarra, que leva por título Espíritu sagrado e non deixa indiferente a ninguén desde os primeiros aos últimos fotogramas. O cineasta atopa unha España de barrio “que colma as súas ansias de fe no sobrenatural”.
A obra xoga entre o divertimento e o tráxico coa historia de José Manuel e o resto de membros da asociación ufolóxica Ovni-Levante e as súas reunións. “Julio, o seu líder, morre inesperadamente deixando a José Manuel como o único coñecedor do segredo cósmico que pode alterar o porvir humano”, avanza a organización, sobre unha creación que abre a porta ao crime, o misterio e mesmo o ocultismo.
Todo chegará no marco do festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta da Galiza a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.