Máis

Tradición e talento no Incio

O festival Terra Brava reúne folk, rock e reggae
Dakidarría é unha das bandas que pediu o voto a Ana Pontón (Foto: Dakidarría).
photo_camera Integrantes de Dakidarría. Diante: Laura e Paula. Atrás: Antón, Ximo, Iñaki, Anxo, Juaqui, Pol e Gabri. / Brain Thunder

A música é a protagonista indiscutíbel do festival Terra Brava, que estes días celebra a súa décima edición no concello do Incio (comarca de Sarria). Entre hoxe e mañá poderase desfrutar dalgúns dos e das artistas máis destacados do panorama musical galego. 

Un dos nomes que figura na programación é Louband. Este grupo naceu en 2017 baixo a premisa de trasladar o son e a música propios dun escenario aos espectáculos na rúa. A súa actuación comezará durante a sesión vermú e se prolongará até a tarde.

Outro dos concertos previstos é o de Dakidarría. Esta banda integrada por nove artistas, ten un forte carácter reivindicativo como demostran os seus temas cargados de crítica social.

No Terra Brava tamén estarán as Fillas de Cassandra. O dúo formado por Sara Faro e María Soa encherá o escenario coas súas letras, cargadas de soños, forza e inquedanzas. Estas dúas artistas, consideradas como a gran revelación musical do ano, achegan novas interpretacións da música tradicional galega mesturada coa electrónica. O programa tamén inclúe o grupo Xerezade, que bebe da tradición galega e impulsa unha música chea de vitalidade.

Na cita musical tamén estará o grupo ourensán TanDuB, unha fusión de música galega con sons e melodías marroquís, e o DJ Elias Viera, que fechará o festival ás 3.45 horas. 

As crianzas tamén poderán desfrutar do Terra Brava nunha serie de actividades infantís que decorrerán entre hoxe e mañá.

As persoas afeccionadas ao deporte poderán participar no torneo aberto de estornela, que se celebrará o sábado ás 18 horas para todo o público.

Comentarios