EIRA DAS MOURAS

Tradición e adulteración do Belén na Galiza

A tradicional instalación que representa un nacemento nunha nevarenta noite estrelada e de agoiros felices expresa o estado da cuestión cultural (ou acultural) dun pobo, cos conseguintes tinos ou desatinos, os feísmos que son efectos con causa. Así o advirte o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén nunha nova entrega de Eira das Mouras. En todas esas montaxes, agrega, reina a inxenuidade, o instinto, o paradoxo, a desproporción e certa maxia, cuestións que forman parte da Teoría da Arte e de Galiza. Eis un extracto da peza, publicada no número 328 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Turismo de Ourense] Belén de Arturo Baltar
photo_camera [Imaxe: Turismo de Ourense] Belén de Arturo Baltar

4Deberamos saber que canto se refire á didáctica da vida de Cristo –cando unha familia vai cumprir coa lei, empadroarse... e négaselle pousada á parturiente para ter nacemento nun cortello e todo o que segue... como a do seu posterior Viacrucis, morte e Pascua Florida– está moi prendido na historia do franciscanismo na Galiza, seguidores en primeira liña do “Fratello” de Asís. Tempos góticos e de cantigas, xeito anovador do panteísmo e poética priscilianista. Frades franciscanos tamén na vangarda, acompañando caudillos en misións de conquistas e imperio polo mundo adiante.

Galiza, cabo do mundo, converxencia e diverxencia dos camiños desde unha tumba que se di apostólica, é onde máis se representan e desde ben cedo a Epifanía, os Reis Magos, velaí o releve de Temes de Carballedo, de sobre o ano 300, entre tantos tímpanos e retablos, como o do Colexio do Cardeal de Monforte, de Van der Goes, vendido en 1912 de xeito burlesco polo Duque de Alba, hoxe xoia da Gemäldegalerie de Berlín... Representacións nas que campa a Natividade e os tres magos que seguen a ilusión marcada no ceo polas estrelas, que poñen os pés no camiño e na aldea, que se axeonllan ante o neno nacido... e arredor deles cantas cancións de Nadal, Aninovo e Reis, isto é vilancicos e panxoliñas –que son cousas diferentes ás dos viláns e as dos anxos, o “pange-lingua”– haber hainos e cada vez menos cantados, entre a teimuda arroiada comercial do “... mira como beben y beben y vuelven a beber...” e outros “tromporronpompóns...”. Esquecementos propios deste noso País do Leteo, cando foi un país de magos e de meigas, de sabios, señores das estrelas. O mesmo Urbano Lugrís deseñou e construíuse en Bueu un templo, esotérico, dedicado a eses tres Reis Magos, dos que tamén Valle Inclán, sabedor de tradicións, fixo deles símbolo na súa literatura, que Melchores, Gasparas e Baltasaras foron nomes comúns nestes confíns...

Competencia desleal

Agora, en tempos ateos e republicanos, os Reis Magos, desde os supermercados, sofren a desleal competencia de espurios Papa Noel, Santa Claus... e outras fórmulas de cincentos Olentzeros vascos de chapela ou Mary Poppins de paraugas, gorro e bufanda, e mesmo do hiperenxebre, montesío e courelán Apalpador, como un benéfico home do saco, repartidor de agarimos e castañas pilongas. Cousas veremos neste país tan afeito ás estampas, cando trunfan tantos xeitos de novo entroidos, o engano, a performance, o postureo...

Polo mapa de Galiza aínda compiten as parroquias en quen ten máis grande, mellor e atractivo Belén. En mosteiros e sobre todo en clausuras e sancristías foron perdéndose figuriñas, escenografías encargadas para esta eventual instalación, como os fermosos presepios napolitanos, filigranas de imaxinería que trunfaron promovidas por virreis galegos, Castros, Osorio... dos que algunha mostra aínda queda por aquí, polo Bierzo e por Portugal.

[Podes ler a peza íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios