65% dos 1.400 exemplares vendidos na Praza dos Libros de Carballo son en galego

As librarías participantes na Feira da creatividade cultural de Carballo bateron o seu récord de facturación en catorce anos.

PRAZA_DOS_LIBROS carballo

A Praza dos Libros de Carballo continúa a bater récords edición tras edición nos seus 14 anos de existencia. Na deste ano, que decorreu do 11 ao 14 deste mes, as librarías participantes venderon 1.400 exemplares e facturaron case 19.000. “A literatura galega acapara 65% da demanda, e unha vez máis os que máis tirón teñen son os títulos que se presentan na feira”, indican desde o Concello.

Nesta edición o libro para adultos máis vendido foi Nas cortinas do tempo, de Xosé Antonio Andrade, e os tres seguintes tamén levan a sinatura de autores que estiveron presentes na Praza dos Libros: Un peixe no parqué, de Moncho Vilar; Contra todo isto, de Manuel Rivas, e Infamia, de Ledicia Costas. En literatura infantil foi O vello dos chupetes, de Fernando Calvo.

Por outra banda, entre 35% dos libros vendidos en castelán atopamos El mal sin cura de la Costa da Morte, do carballés Manuel Rey Pan.

Ao longo dos catro días realizáronse máis de vinte actividades, incluído o reivindicativo pregón de María Reimóndez ou o Festifolk, que tivo como prato forte a actuación de Treixadura.

Comentarios