As torres do Allo e mais de Altamira estrean o coleccionábel sobre castelos

Os fascículos acompañarán Nós Diario até o 28 de novembro.
Algúns dos castelos e torres que recolle a publicación. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Torre de San Sadurniño (Cambados); Castro Candaz (Chantada); Castro de Ouro (Alfoz); Castelo de Soutomaior; Castelo de Vimianzo e Castelo de Naraío (San Sadurniño).
photo_camera Algúns dos castelos e torres que recolle a publicación. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Torre de San Sadurniño (Cambados); Castro Candaz (Chantada); Castro de Ouro (Alfoz); Castelo de Soutomaior; Castelo de Vimianzo e Castelo de Naraío (San Sadurniño).

Este sábado, 14 de outubro, chega, con Nós Diario, a primeira publicación do coleccionábel que nos levará de viaxe polas construcións medievais máis emblemáticas da Galiza.

En 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, as estudosas e os estudosos máis recoñecidos do ámbito analizarán cada unha das edificacións medievais seleccionadas, a súa contorna xeográfica, a súa historia e os aspectos arquitectónicos máis destacados.

Trátase dun traballo dunha profundidade e ambición nunca vistas neste campo, e coa axuda dun Consello Asesor. Precisamente, o enxeñeiro técnico naval e investigador Héitor Picallo coordinou unha vintena de especialistas en historia, historia da arte, paleografía, conservación, museografía, arquitectura, arqueoloxía e tamén en divulgación.

Este coleccionábel é un agasallo para as lectoras e lectores de Nós Diario e é, ademais, o punto de partida da celebración do número 1.000 do xornal, que está próximo a chegar. 

512 páxinas en total

De terzas feiras a sábados, e até o 28 de novembro, con Nós Diario entregarase un fascículo de 16 páxinas, a toda cor, grampado e en gran formato, xuntando finalmente un total de 512 páxinas.

O primeiro dos fascículos, que se entrega xunto co diario deste sábado, 14 de outubro, recolle unha introdución ao traballo, da autoría de Héitor Picallo

Seguiranlle na próxima semana os volumes correspondentes ás torres do Allo (Zas), da autoría de Xosé María Lema Suárez; Altamira (Brión), de Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu; Caldaloba (Cospeito), de Alexandra Cabana Outeiro; Castro Caldelas, de Miguel García-Fernández; e Castro Candaz (Chantada), de Paula Vázquez Verao.

Comentarios