Máis

Tordoia e a Casa da Moura

 Un dos restos mellor conservados da Galiza.
1435px-Dolmen_de_Cabaleiros,_Tordoia
photo_camera Anta de Cabaleiros situada no concello de Tordoia. (Foto: De Lansbricae)

Casa da Moura ou casa dos Mouros, constitúe un dos monumentos megalíticos mellor conservados da Galiza. Unha denominación de orixe lendaria que se explica pola crenza popular de que foi unha bruxa moura a que, voando, levou a lousa que fecha o monumento até onde agora se atopa.

Situada na parroquia de Cabaleiros no concello de Tordoia (comarca de Ordes) esta anta ostenta o recoñecemento de estar declarada Monumento Histórico Artístico desde 1975 e definida como Ben de Interese Cultural no Catálogo Galego de Patrimonio cultural. Así, estímase que as súas orixes se remontan ao terceiro milenio antes da época actual, retrocedendo no tempo até hai máis de 6.000 anos e resultando un dos exemplos de enterramentos funerarios da época.

A súa estrutura confórmana sete ortostatos, ou, o que é o mesmo, sete pedras de gran tamaño situadas de forma vertical, que se encargan de soster unha gran lousa horizontal de 4 metros por 3,40 metros que recobre a edificación. Así mesmo, os ortostatos contan cunha altura máxima de 1,70 metros, o que configura tamén o alto global da totalidade do conxunto.

Este monumento megalítico da época neolítica atópase situado nas inmediacións da finca coñecida como As Medoñas, nun terreo que alcanza perto de 800 metros cadrados e rodeado por un muro de pedra. Resulta un monumento especialmente fácil de localizar debido a que se atopa xusto a carón da autoestrada do lugar e aparece xa sinalizado.

No que respecta á cámara funeraria, o que se atopa é unha cámara poligonal aberta cun corredor orientado ao leste que na actualidade non é visíbel porque se atopa soterrado. Así, a pesar deste soterramento e de que parte do monumento se atopa cuberto por un montículo de herba que dificulta a visión, é posíbel concluír que esta edificación granítica conta con aproximadamente 30 metros de diámetro. Como indica algunha pintada na contorna, crese que o monumento puido estar ocupado durante un tempo, mais aínda así segue en perfecto estado.

Comentarios