Toquinho: "A Bossa Nova non é unha cuestión de esperanza, é unha cuestión da realidade"
—Quen era o Toquinho antes de converterse en lenda?
O Toquinho era un rapaz de clase media, con formación familiar, e estudou nun colexio católico. Tivo unha vida moi saudábel, unha infancia de rúa moi boa, xogando ao fútbol. Ese era o Toquinho. Cando chegou a Bossa Nova, a guitarra entrou na clase media e el comezou a estudar ese instrumento.
—Cal é a súa composición preferida?
Gústame moito tocar cancións doutros autores, mais das miñas, Tarde em Itapuã é unha canción que ten un complemento harmónico, melódico e poético perfecto. Penso que si, quedaría con Tarde em Itapuã.
—No tema Carta ao Tom 74 fálase de que "é preciso inventar de novo o amor". Cre vostede tamén niso?
Eu podo responder por Vinícius, que foi quen fixo a letra. Tal vez queixándose un pouco dos tempos modernos, que o amor quedaba en segundo plano, as relacións eran máis superficiais, a facilidade dos encontros e a non profundidade das relacións... tal vez en relación a iso foi que dixo que "é preciso inventar de novo o amor". É máis, eu vouno repetir. É preciso inventar de novo amor.
—Vén de facer 79 anos. Como é subir aos escenarios agora?
Eu amo tocar. Non me vexo non facéndoo, non me vexo non tocando. Todo o que hai arredor dos shows agrádame moito: as viaxes, os hoteis, os lugares, a compañía, o pracer de tocar... Eu toco na casa todos os días, entón tocar é unha continuidade da miña vida cotiá. Non é ningún sacrificio. O sacrificio poden ser os 10.000 km de avión, iso si. Para facer todo isto con satisfacción e pracer, teño que coidar moito do meu corpo. Da miña alma non, porque ela está ben coidada ca música. É adestrar todos os días e o peso é rigorosamente regulado. Eu síntome moi ben. Todo iso axuda a cumprir ca miña obrigación dunha forma máis correcta.
—Xa tocou na Galiza varias veces e acompañado de grupos galegos. Como o influíron as súas visitas á Galiza?
Creo que todo me influíu e me continúa a influenciar. Estar aquí é unha influencia da vida e iso pasa polo meu filtro como ser humano e como artista, e desauga nas cancións, no meu comportamento musical. Non é só a Galiza que me inflúe, é toda a Italia, toda a Francia, todo o Brasil. O artista é unha esponxa e ten que ser "antena da raza", como diría creo que Mário de Andrade, non me lembro. Claro que teño influencia da Galiza, como a teño da vida de modo xeral.
—Hai esperanza hoxe na Bossa Nova, na samba, na música brasileira?
Creo que hai esperanza na vida aínda, non? A pesar dos tempos conturbados que temos, creo que a esperanza é resiliente, ela existe. E a Bossa Nova non é unha cuestión de esperanza, é unha cuestión de realidade, dunha cousa consumada. Está nas vidas das persoas xa. E creo que transmite esperanza, si, como toda a boa música a transmite.
—Con que artista, vivo ou morto, querería ter colaborado?
Gustaríame ter colaborado con Stevie Wonder e Paul McCartney na miña vida. Quen sabe? Aínda podo facer unha canción cun deles, non é nada difícil. Imos tentar, ou mellor, non vou intentalo. Vou deixar que a vida nos una e, se non, deixa para alá, nunha outra encarnación
—Vostede é para moitos artistas novos e xa non tan novos un referente e unha inspiración. Que sente cando recoñece a súa pegada en artistas contemporáneos que se inspiran en vostede?
Ah, claro. Cando tés unha dimensión como a que eu teño, como a que a miña xeración ten, varios artistas teñen iso como exemplo musical, como eu o tiven de outros, non? É absolutamente natural pasar o bastón de un para outro. É así que a vida é e así que na música acontece.
—Se puidese dar unha mensaxe que pasase á posteridade á xente, cal sería?
Fagan o que o corazón pide. Controlen a razón coa emoción, máis razón que emoción. A emoción atrapalla moito a vida da xente, eu creo que a xente ten que ser sincera profesionalmente, ser sincero ao máximo coa vida tamén. Ás veces vai unha mentiriña aquí e alí, necesaria, mais a sinceridade é fundamental. Iso quita un peso enorme, e é iso. É facer o que a un lle gusta na vida, o que quere, o que lle gusta, sen incomodar as persoas.