'Todo o que doe', de Carmen Caramés, gaña a terceira edición do Premio Pinto e Maragota

As obras presentadas debían ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual ou identidade de xénero.
A autora Carme Caramés (Foto: Lecturafilia).
photo_camera A autora Carme Caramés (Foto: Lecturafilia).

O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais da Galiza, convocou a III Edición do Premio Literario Pinto e Maragota que ten como finalidade “visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero” e forma parte das actividades do programa municipal homónimo ao premio. A obra gañadora foi, segundo deu a coñecer esta quinta feira o Concello da cidade do Lérez, Todo o que doe de María Carmen Caramés.

As obras presentadas debían ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual ou identidade de xénero.

O xénero literario das obras presentadas foi novela, teatro e poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. “O premio outorgouse tendo en conta en xeral, o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma”, sinalaron desde o Concello.

O xurado encargado de decidir a obra gañadora estivo composto por Cristina Barreiro, docente no CEP Marcos da Portela e membro do colectivo Avante LGBT+, Miguel Calvo Marques, membro da Xunta Coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza e Sara Vila, escritora e responsábel de prensa da editorial Xerais.

A obra

O poemario Todo o que doe, escrito por Maria Carmen Caramés foi a obra que resultou vencedora. O xurado destacou desta obra "a tenrura, a potencia das metáforas e a creación de atmosferas que evocan sensación e emocións".

Salientaron a "certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres, fóra das normas estabelecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade".

Comentarios