Contracultura

Blanca Millán: "Ás crianzas precisan falar e os libros deben pór as dúbidas enriba da mesa para poder conversar"

Blanca Millán, ilustradora, pon en imaxes os versos de Rosalía de Castro no seu novo álbum, 'Miña casiña, meu lar' (Galaxia) coa intención de achegar os seus poemas á cativada.
As ilustracións de Blanca Millán figuran en máis de 30 libros en diversas linguas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As ilustracións de Blanca Millán figuran en máis de 30 libros en diversas linguas. (Foto: Nós Diario)

—Como se embarcou no proxecto de ilustrar Rosalía para as crianzas?
O certo é que eu me sinto moi comprometida con levar as nosas letras ás crianzas. Esta iniciativa xa comezou o ano pasado cando propuxen ilustrar O maio, de Manuel Curros Enríquez, á editorial e foi moi ben, polo que me deu aínda máis ganas de ilustrar algo de Rosalía. Con todo, son consciente de que os versos de Rosalía poden ser complexos xa que están pensados para un público máis adulto, polo que quería atopar algo que as crianzas puidesen desfrutar.

Escollín Rosalía e tiven que atopar un poema que encaixara co que eu quería facer, polo que comecei a revisar Follas novas e atopei este poema e foi o que propuxen. Este era o reto da proposta, que as crianzas puidesen conectar con ela, mais neste caso, ao ser un poema que ademais narra unha historia creo que me resultaba máis sinxelo para contalo de maneira visual de forma que puidesen entendela. 

—É unha historia narrativa, mais tamén dura. Como deu coa forma de contala?
Para min foi bastante sinxelo porque desfruto moito ilustrando a aldea ou a terra, tamén documentándome sobre algunhas cidades ou como eran os vehículos da época. Sempre intento que, dalgunha maneira, se vexa algo da miña alma e do cariño pola terra nos libros que fago e é o que intento transmitir ás crianzas. A historia en si é dura, porque ademais fala dun tempo no que non había de nada e é certo que as crianzas creo que non van poder entender o contexto no que se desenvolve a situación.

Con todo, cada unha ao seu nivel, creo que si que poden entender que existen certas carencias e ao final a protagonista o que transmite é alegría e que cando temos unha actitude positiva sempre hai pequenas cousas que podemos conseguir e que nos poden facer máis felices. Iso é tamén algo que me gusta moito dos libros ilustrados porque eu digo que este libro é para crianzas porque as persoas adultas xa teñen acceso a toda a poética de Rosalía. Iso non quere dicir que as adultas non poidan desfrutar desta historia.

—Cre que hai preferencias por historias máis alegres para as crianzas?
Si que noto que aquí aínda pesa moito o álbum ilustrado para crianzas que é divertido. Creo que ás familias cústalles moito mercar libros así máis duros, a non ser que os queiran utilizar como ferramenta, pero tamén penso que cada vez están chegando máis propostas ao mercado, o que facilita moito que a xente vaia entrando máis no xénero. Claro, eu tamén teño crianzas e tentamos que non sufran, non queremos que pasen por cousas difíciles, mais tamén é verdade que se non falamos deste tipo de cousas, cando se teñan que enfrontar a elas non van saber como facelo.

Hai moitas maneiras de facer isto, pode ser un libro ou outra cousa, mais é importante deixar aí a semente de que hai persoas que non teñen a sorte que nós temos, de que hai realidades máis aló da que nós vivimos. Ao traballar na casa, os meus fillos van vendo o que vou facendo, que para min tamén é unha maneira de ir probando o que funciona e o que non, e no caso deste libro en concreto é certo que coa máis pequena, que ten catro anos, só o lemos por enriba, mais co maior, de nove, si que o lemos varias veces e a el xurdíronlle dúbidas que logo tratamos, por exemplo, por que a protagonista non tiña tantos recursos ou por que ía descalza.

Ás veces as crianzas precisan falar das cousas e, especialmente, cando son libros que falan de temas que elas non entenden creo que o bonito e o máis interesante é que poñan estas dúbidas enriba da mesa para que logo poidamos conversar arredor dos temas que se están propondo aí. 

—E que papel tería o libro e a contorna nese sentido?
O labor das familias, e tamén doutras institucións como os centros educativos ou as bibliotecas é xerar esa inquedanza por querer descubrir máis, utilizando o libro como punto de partida, non como ferramenta única.

Comentarios