A dramaturxia volve á escena na XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño

O evento desenvolverase até o 20 de agosto e inclúe actividades paralelas como recitais de poesía, pasarrúas ou concertos de música.

Mostra Teatro cariño
photo_camera Comezou a Mostra de Teatro Galego de Cariño.

Hoxe, domingo 8 de agosto, tivo lugar o acto de presentación da  XLIII Mostra de Teatro Galego de Cariño, decana galega, que se desenvolverá até 20 de agosto. O protagonismo da xornada inaugural foi para o teatro, a danza, a música e o recoñecemento ás compañías premiadas na edición do ano pasado, todo iso adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun “estrito protocolo” de hixiene e prevención ante a Covid-19.

O ambiente da  Mostra xa se comezou a notar a partir das 12.30 horas grazas á representación itinerante Barcos de Ortegal, outra creación específica da compañía  Barafunda Animación para Cariño, que percorreron as rúas do municipio acompañados de Vos Bregadiers.

Pola tarde, ás 20:30 horas, tivo lugar o acto oficial de presentación na  Praza  do  Campín. Tras as intervencións do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, e de Santiago Cortegoso, da Fundación SGAE, entregouse o premio do público e o galardón do público infantil da pasada edición á Companhia Chapitô e a súa obra Electra e a Teatro  do Estada con O sal  do mar e  outros contos mariñeiros. Do fin de festa encargouse  Nova  Galega de Danza con Leira, onde o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo.

Deste modo, as mellores compañías teatrais de público infantil e adulto actuarán durante dúas semanas en diferentes espazos do municipio: o auditorio municipal, a  Praza  do  Campín, ao aire libre nas parroquias e de modo itinerante polas rúas do municipio. O teatro na rúa e na Praza do Campín seguirá sendo gratuíto pero, do mesmo modo que o ano pasado, desenvolverase nun recinto fechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para acceder.

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, lembra que a  Mostra é “unha das citas culturais máis importantes do verán galego”, e incide na importancia de “apostar  pola cultura,  promocionala e  difundila porque, a pesar da pandemia, está máis que demostrado que a cultura é segura e, sobre todo, é imprescindíbel dentro dunha sociedade avanzada”.

Teatro para todos os gustos

Con respecto á programación, a primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia, con obras como Carapuchiña no faiado (9 de agosto), Voa, Voa (10 de agosto) ou Quixote (13 de agosto).

O teatro na rúa chegará á  Praza do Campín o 14 de agosto, con , de Xampatito Pato, ás 12.00 horas, que dará paso á Emportats, de Trócola Circ, ás 20.30. Ademais, o 12 de agosto a partir das 20.30 horas o poeta cariñés Paulo Mestre, gañador do Slam Poetry Compostela 2019 presentará o seu traballo Ritual poético do fauno do orballo na  praza do Campín, e o domingo 15 de agosto Troula Animación desfilará polas  rúas do municipio con O estrano caso  do dentista da  rúa  Brasov.

Os boletos para estas e o resto de actuacións previstas é gratuíta, pero con capacidade limitada, polo que é necesario inscribirse previamente en www.reservas.gal, aínda que terán un prezo de 1 euro para as pezas representadas no auditorio con temática infantil e 5 da adulta. Por outra banda, desde a organización lembran que hai dispoñíbel un bono de 20 euros que permite a entrada a todas as funcións da noite.

Comentarios