Tanxugueiras: "Eurovisión é ideal para amosar a calidade cultural e musical que temos na Galiza "

Logo de gañar a elección interna co tema 'Figa' e contar cun apoio incríbel, As Tanxugueiras anunciaban na pasada terza feira que presentaron a súa candidatura para representar ao Estado español en Eurovisión. De ser seleccionadas, serían as primeiras en levar un tema nunha lingua que non é o castelán. Falamos con Aida Tarrío, unha das compoñentes do trío. 
tanxugueiras

'Figa' foi a gañadora da  elección interna do medio especializado Eurovision Spain. Sorprendeu a  súa gran acollida?

Pois o certo é que si. Nós somos seguidoras de Eurovisión como unhas usuarias máis, tampouco é que sexamos súper fans. Comezamos a ver comentarios coa canción Midas de Tanxungueiras a Eurovisión e non lle demos moita importancia nun principio. Cando sacamos Figa si que comezou a ser algo máis grande, a xente volveu comentar, sobre todo xente de fóra, e vimos que xa era máis serio, entón un pouco por sorpresa si que nos pillou. Nós estamos moi agradecidas a toda a xente que nos votou e que nos deu ánimos para presentar un tema. 

Esperaban, sobre todo, contar co apoio de tanta xente de fóra da Galiza?

A verdade é que non contabamos co apoio de ninguén, porque Eurovisión non era unha cuestión que tivésemos previsto. Nós estamos preparando o noso directo do ano que vén e traballando nun novo disco, que tamén saíra no próximo ano, e isto pillounos un pouco de súpeto. Si que é certo que se nós pensásemos estar nunha desas listas, co apoio dos galegos si que iamos contar, xa que ao final é musica da Terra e en galego, mais o máis sorprendente é que a xente de fóra se decantase por un tema en galego. Non é a súa lingua, mais ao final semella que estamos normativizando un chisco esta situación de falar nun idioma que non é o castelán. 

"Será un tema en galego, con pandeiretas, coa nosa sonoridade e cos nosos ritmos"

En que momento tomaron a decisión de poñer en marcha a candidatura?

Sentámonos un día e falamos de que hai moita xente que quere vernos nese palco e ademais cremos que é unha ventá moi grande para demostrar que Galiza está aquí, que existe e para ensinar ao resto do mundo que aquí na Península hai un sitio que se chama Galiza que ten a súa cultura, as súas orixes, a súa música e a súa lingua. É un espazo ideal para amosar a calidade cultural e musical que temos na Galiza. Contribúe a impulsar a música en galego e sobre todo a normalizar as linguas cooficiais. Ao final, non deixan de ser outras linguas como o castelán e é preciso normalizar esas situacións para que, por exemplo os nenos e nenas, non se avergoñen de falar o galego, o catalán ou o euskera.

Polo momento, toca agardar ata que saían as candidaturas seleccionadas. Como afrontan esta espera?  

Hai expectativas, pero tampouco estamos nerviosas. Se gañamos xenial, porque é un traballo valorado, pero se a xente ao final non lle gusta o tema (porque aínda non saíu e non puideron escoitalo) ou non é o esperado, pois non pasa nada. Presentámonos con toda a ilusión do mundo, se sae adiante, ben; e senón contentísimas igualmente. 

Que vamos atoparnos no tema presentado?  

Non podemos adiantar moito máis do xa dito. É un tema en galego, con pandeiretas, coa nosa sonoridade e cos nosos ritmos, todo o que somos nós, o que bebemos da nosa cultura e da nosa música tradicional. Non é un tema “popeiro”, é un tema de raíz, como somos nós. 

Aquí na Galiza temos para fartar e creo que calquera grupo pode triunfar a nivel global cantando en galego sen problema

Cal cre que é a situación actual do panorama musical galego?  

Está nun momento moi doce. Temos moitos e moitas artistas cun grande nivel, unha gran variedade de estilos musicais e sobre todo grupos galegos que fan música en galego. Non temos nada que envexarlle ao resto da Península. Aquí na Galiza temos para fartar e creo que calquera grupo pode triunfar a nivel global cantando en galego sen problema. Ao final o que transmite o idioma é a música, hai moita xente cantando cancións en inglés que non saben nin o que están dicindo. 

Comentarios