Tanxugueiras, favoritas das 'eurofans' para representar o Estado español

No concurso paralelo que promove o medio Eurovision-Spain.com, quedou seleccionada como primeira finalista a canción "Figa", que está en galego. Finalmente, esta cuarta feira transcendeu que foran as elixidas por diante doutras 11 candidaturas. Ademais, as e os expertos elixiran tamén temas de Verto, Sen Senra e Baiuca.
Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)

O trío folk Tanxugueiras, tras o que están as artistas Olaia Maneiro, Aida Tarrio e Sabela Maneiro, vén de converterse na revelación para o público español e, particularmente, para as e os fanáticos de Eurovisión. Co seu tema Figa, coa letra en galego, conquistaron a socias e lectoras do medio especializado Eurovision-Spain.com, que acostuma facer un concurso ou elección interna dos grupos ou solistas que proporían para representar ao Estado español no certame musical de Eurovisión.

Após anos de malos resultados coas propostas de RTVE, a organización colocou na súa lista de ideas a Tanxugueiras e estas "rebentaron" a enquisa ao situarse no primeiro lugar en todas as votacións promovidas, mesmo por diante de cantantes con moita máis publicidade e medios detrás como Lola Índigo e Aitana. 

Tamén apearon do concurso a artistas con máis traxectoria como Álvaro Soler, Ruth Lorenzo (que xa foi candidata en Eurovisión), Pablo Alborán, Mónica Naranjo e Rosa López (gañadora do primeiro Operación Triunfo e unha das mellores clasificadas no festival musical coa súa Europe's living a celebration).

Até onte as galegas estaban na final xunto con outras 11 artistas e cancións pero nesta cuarta feira confirmouse que son as gañadoras absolutas deste certame paralelo.

Esta selección non é vinculante para o que poida levar RTVE no próximo ano a Eurovisión -pois foi recuperado o Festival de Benidorm para atopar representación-, mais non deixa de sorprender ás persoas especializadas un cambio tan brusco dos gustos da xente que é seguidora do evento, que a priori estaría disposta a apostar no folk máis moderno e no galego.

No seu tema, saído este verán e recoñecíbel pola "fusión de música de raíz con sons contemporáneos", denuncian a caza de bruxas á que foron sometidas as mulleres durante moitos séculos.

Posicionamento do galego

Mais a proposta galega non se limitou a Tanxugueiras porque nas semifinais quedou fóra da competición Baiuca e o seu Veleno, que compartía espazo con C. Tangana, Zahara, Fangoria ou La Oreja de Van Gogh, con idéntica sorte.

Ademais, nesta carreira paralela na que as eurofans deciden o que lles gustaría escoitar sobre o escenario, Eurovision-Spain.com, tamén incluíra Verto coa canción Todo o que che din e Sen Senra con Sublime.

Comentarios