Tanxugueiras loitará por representar o Estado español en Eurovisión cun tema en galego

O grupo atende así a aposta das e dos eurofanáticos, que nunha das plataformas máis importantes sobre o festival, elixíronas como as gañadoras grazas á canción 'Figa'. O grupo confirmou a súa candidatura ao Festival de Benidorm -recuperado para elixir a representación estatal a este concurso- a través das redes sociais.
Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Imaxe promocional de Tanxugueiras, tirada no decorrer do videoclip de 'Figa'. (Foto: Rocío Cibes)

Tanxugueiras vén de confirmar a través da súa conta oficial en Twitter que enviou a súa candidatura ao certame no que se elixirá a representación do Estado español para o festival de Eurovisión do ano próximo.

Comunicouno esta terza feira, dando por certo o anuncio da plataforma e medio de comunicación especializado EurovisionSpain.com, que situaba á banda na carreira ao recuperado Festival de Benidorm.

Segundo explicou un dos grupos punteiros do panorama musical galego neste momento, a súa proposta está en galego e non deixa atrás os seus sinais de identidade, tales como a "sonoridade" que o converteu nun dos indispensábeis nos carteis dos grandes festivais do país.

Aliás, as pandeiretas tan apegadas á cultura tradicional da Galiza son protagonistas na canción achegada a RTVE.

EurovisionSpain.com avanzou que a achega de Tanxugueiras segue na liña de temas anteriores como o propio 'Figa' -todo un descubrimento para as e os seguidores do evento musical- e 'Midas'.

Esta candidatura das galegas responde, dalgunha forma, ao resultado do macrosondeo "La Elección Interna" que realizou a plataforma.

"Queremos que a xente coñeza a nosa tradición e a nosa lingua", di Tanxugueiras

Nunha listaxe de múltiples cancións -na que tamén tiveron espazo Baiuca, Verto e Sen Senra- e fronte a artistas coñecidas en todo o Estado, elas foron as gañadoras tanto nas fases previas como na final.

Agora que fan realidade a demanda, destacan que este proceso de selección inicial de RTVE "abre unha ventá á riqueza cultural e musical que temos, especialmente aquela que non se recoñeceu durante moito tempo". Con elas o galego podería ter un novo altofalante.

"Queremos que a xente coñeza a nosa tradición e a nosa lingua. É unha boa oportunidade para dar a coñecer a calidade musical que temos na Galiza e amosar que un idioma cooficial pode ocupar un gran escenario como é Eurovisión", sinalaron ao medio especializado.

Comentarios