Tambores viquingos no Vicedo

A Mariña será invadida pola festa esta semana.
Un dos atractivos principais da romaxe é o desembarco viquingo que se organiza anualmente na praia de San Román. (Foto: Juan Insua)
photo_camera Un dos atractivos principais da romaxe é o desembarco viquingo que se organiza anualmente na praia de San Román. (Foto: Juan Insua)

Entre os séculos VIII e IX os viquingos expandiron a súa zona de influencia por gran parte do continente europeo. As tropas escandinavas caracterizábanse pola destreza no combate e pola súa ferocidade que lles permitía repeler con facilidade os exércitos cristiáns.

A Romaxe Viquinga do Vicedo  xurdiu no ano 2016  da man do Concello e da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Vicedo. Esta iniciativa constitúe unha oportunidade de achegarse á historia dos viquingos a través de diferentes actividades que repasan as súas tradicións.

O programa deste ano inclúe unha exposición de armamento viquingo, obradoiros nos que se traballa o coiro, batallas entre cristiáns e pagás, concursos que premian a mellor indumentaria e a escenificación dunha serie de ritos viquingos, en concreto un enterramento e unha voda. Tamén haberá actividades para os máis pequenos.

O desembarco dos viquingos é unha das iniciativas que suscita maior interese entre o público.  Esta representación organízase na praia de San Román o día 29 ás 12.30 horas. Nese mesmo espazo será onde as tropas do rei Björ Ragnarsson desenfundarán os seus aceiros para combater o exército cristián do rei Ramiro. O evento tamén contará con acompañamento musical. O día 28 ás 21 horas abrirá a quenda das actuacións o Son do Sor. Esta agrupación naceu no ano 1990 no Barqueiro, co gallo de aprender e estender a cultura musical galega.

O sábado actuará Aileach, grupo procedente de Irlanda, ás 19 horas. Deseguido, continuará Covagueira, que comezará ás 21. Finalmente, ás 23, será a quenda de Perkusiona, que animará a cita cos seus tambores.

Comentarios