martes 24/11/20
Semanario 'Sermos Galiza'

Suso de Toro: A historia rescatada

A memoria volve atravesar a escrita de Suso de Toro. Se en Sete palabras indagaba na historia da súa propia familia e en Home sen nome esculcaba a memoria dos verdugos, na súa nova novela, Un señor elegante (Xerais), reconstrúe a traxectoria da familia Baltar, unha estirpe burguesa, republicana e galeguista. A lectura deste libro, como a dos seus artigos, permite comprender mellor o presente a través da súa conexión co pasado. Ao apuntar, unha vez máis, ás continuidades do proxecto franquista nun Estado que reprime militarmente a disidencia política. Adiantamos parte da entrevista que este sábado se publica no semanario Sermos Galiza
Suso de Toro (Foto: Arxina)
Suso de Toro (Foto: Arxina)

A memoria xa estaba en Home sen nome e en Sete palabras indagaba na historia da súa familia. Un señor elegante supón, niso, unha continuidade…

Tamén na miña novela anterior, Fóra de si, un home reconstrúe a súa propia historia. Debe haber algo en min que explique que a miña imaxinación se dispare cara a atrás. No caso de Un señor elegante son historias persoais, pero tamén é a historia colectiva. O que fago é interrogar moito o personaxe de Ramón Baltar para reconstruír unha historia que non existe. A familia tiña unha memoria fragmentaria, pero non unha historia elaborada. Teño, ademais, interese en que este libro se lea. Penso que é importante para o país coñecer a historia dos Baltar. Porque axuda a mudar a percepción dominante do noso pasado.

Di iso porque é unha familia burguesa republicana e galeguista?

Traducido a categorías sociais sería iso, si. Son persoas dignas, optimistas, alegres, comprometidas co país. Non é unha historia triste. O triste é a historia de España e o que lle aconteceu á Galiza. A familia foi castigada, mais tivo a fortuna e a capacidade de atravesar todo aquilo e resistir. É unha historia chea de incidencias, algunhas moi divertidas.

Fixo un traballo de investigación importante. Como foi o proceso?

Foi distinto porque non o fixen eu só. Fíxeno dialogando cos fillos de Ramón, con tres dos seus fillos e unha das súas fillas. E ademais fixen algo que nunca fixera, que foi pedirlle axuda coa documentación á miña compañeira. Eu estaba escribindo outra novela e, para pedir seguir adiante con este proxecto, precisaba a súa axuda. Ramón chegou a ser tan familiar para min que me identifico moito con el…

Hai moita reflexión metaliteraria. Que se ten dereito a contar o que Ramón non contou á súa familia, que se debeu ir detrás del e non diante…

O libro en realidade é unha crónica sobre como se constrúe o relato e o personaxe. Si é moi metaliteraria, nese sentido. Iso pode darme un pouco de medo, pero penso que conseguín que a historia funcionase, que haxa intriga.... 

plana suso

Ao principio é máis difícil de seguir, pero despois hai máis ritmo...

Pode ser. Pasou unha cousa, ademais, que é que parte das persoas que quería entrevistar ou xa morreran, ou perderan a memoria, ou mesmo xa morrera a segunda xeración… Nese sentido, eu estaba lonxe. Pero tamén estaba preto ao poder falar cos fillos de Ramón. É unha posición complexa porque consiste en levar a memoria privada á memoria pública. Despois, chegou un momento no que me cuestionaba o relato que construín. Fago autocrítica porque penso que podo estar equivocado, porque ao cabo é unha construción literaria.

Conta a historia a partir, fundamentalmente, de tres personaxes: Ángel e os seus fillos Ramón e Antón. Os tres diferentes, aínda que os fillos herdasen moito do pai. Que representa cada un?

Había algo que me causaba incomodidade, pero que desde o principio tiven que asumir: era unha familia patriarcal. Por iso é unha historia, fundamentalmente, de varóns, porque deles dependía o futuro da familia. Unha familia que vén do século XIX, que se preocupa de crear e transmitir unha biblioteca de xeración en xeración, que coida de Rosalía e Murguía e máis adiante da familia de Castelao e de Rafael Dieste… Que ten, tamén, estratexias de poder como un casamento cunha muller rica ou un fillo que herda a profesión e practicamente os postos do pai. E dentro desta estrutura tamén hai individualidades. Ángel representa o espírito de finais do XIX, a ideoloxía rexeneracionista… Sente unha identificación natural co país. Cura a unha poboación fortemente rural e, principalmente, pobre.

A través do Hospital Real tanto Ángel coma Ramón teñen, así, unha inserción social forte. É un home alegre ao que as cousas lle van ben. E o que me pregunto é que lle farían se non morrese en 1934. Ramón continúa o seu legado: segue co sanatorio do pai e ademais ten descendencia, de forma que continúa a estirpe. O seu irmán Antón non ten fillos. Os dous irmáns teñen unha relación complexa que acaba estalando. Mais eu tampouco quero xulgalo. Prefiro que o lector interprete as súas reaccións. 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 21 de novembro. Á venda nos quiosques. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facerte asinante nesta ligazón]

comentarios