luns 26/10/20

Susana González Lago, 'Galemán': "Decateime de que falaba mellor unha lingua allea que a miña propia e sentín vergoña"

Responsábel da bitácora en internet Galemán, na que publica traducións ao galego de autoras como Tamara Andrés, Emma Pedreira ou Antía Otero
Susana González Lago traduce poesía galega ao alemán
Susana González Lago traduce poesía galega ao alemán

Emigrar non significa esquecer. Susana González Lago, nada en Ponteareas e criada en Salceda de Caselas, non esqueceu desde Suíza as súas raíces. Hai uns anos descubriu a poesía galega e iniciou a bitácora en internet Galemán, na que publica traducións ao galego de autoras como Tamara Andrés, Emma Pedreira ou Antía Otero. A experiencia nace do desexo de crear un vínculo poético galego-alemán e poder ter intercambios interesantes e construtivos. Ela mesma realiza moitas das fotografías que ilustran o seu blogue ou escolle outras de autoras significativas.

Como chega a Suíza e ao alemán?

Nacín e crieime na Galiza. Emigrei nos anos oitenta, sendo adolescente, xunto con miña nai e miña irmá. Meu pai levaba oito anos de temporeiro en Suíza e despois dese período concedéronlle o permiso para emigrar tamén nós. Non podendo mellorar a súa situación financeira na Galiza, decidiron que para estar mal, polo menos que fose estando xuntos. Aquí comecei a escola nunha clase de integración lingüística e cultural para estranxeiros. Aprendín alemán e francés. Despois incorporeime a unha clase regular que me acolleu con moito agarimo e axudoume moito. É a historia da maioría das que emigramos sendo nenas. 

En que momento comeza o seu interese pola literatura galega en xeral e pola nosa poesía en particular? 

Hai uns anos un amigo que retornou a Galiza contactoume. Escribíame nun fermosísimo galego normativo que espertou en min moita curiosidade. Deime conta de que falaba mellor unha lingua allea que a miña propia e sentín vergoña. Compartíamos literatura e poesía. Esta correspondencia impulsoume a mellorar o galego e a consumir literatura galega. 

Cal é a razón de abrir unha bitácora en internet con traducións de poemas galegos?

A poesía pasou a ser parte da miña vida e decidín anotarme a un curso de escrita online, no cal podo afondar o galego, a literatura e a poesía. Comecei a traducir por curiosidade ao ver os versos escritos en alemán e saber como soan. Traducir reláxame enormemente e converteuse nun pasatempo. Publico o que fago co desexo de compartir experiencias con xente interesada polas linguas e a poesía.

Como selecciona a obra que quere traducir?

Selecciono seguindo os meus gustos. As autoras que habitan Galemán, até agora, son mulleres que admiro. Os poemas elíxoos valorando se estou capacitada para traducilos. 

Tivo algún retorno desta experiencia de traducir poemas en internet de persoas que seguen o blogue desde a Galiza ou entre xermanofalantes?

A verdade é que tiven moitas mostras de agarimo desde Galiza e tamén desde Suíza. Hai persoas que me escribiron que teñen amigas e amigos xermanofalantes, cos que comparten o amor pola poesía, pero só se poden comunicar en inglés. Cóntanme que Galemán dálles a oportunidade de compartir poemas que aínda non foran traducidos. Saber que as traducións van voando dun lado a outro é moi fermoso.

Traballa como enfermeira e viviu de primeira man desde un hospital esta situación. Máis alá da literatura, como se viviu a pandemia en Suíza e como se seguiu o que acontecía na Galiza?

A pandemia viviuse como en todos  os lados, con medos, inseguridades pero con moito respecto. Desde os medios de comunicacións locais chegábannos, ante todo, novas da situación en Madrid e Barcelona. Pero a comunidade galega en Suíza está moi vinculada con Galiza. Hoxe informámonos por internet, a TVG ou as nosas familias que nos escriben por WhatsApp. Hai unha comunicación moi estreita e miramos sempre cara a Galiza. Foi tranquilizador ver que a situación estaba ben controlada. Pero sempre doe non poder estar en momentos importantes ou situacións difíciles. O único que me queda por dicir é que haxa moita saúde e ánimo a todos.

comentarios