Estas son as gañadoras dos Premios da Crítica de 2023

Berta Dávila, Carlos Callón, Agrupación Astronómica Ío, As Tanxugueiras, Teresa Táboas, Teatro Ensalle, Pepe Coira e Estrelas no Camiño foron as persoas e colectivos que recibiron os galardóns das diferentes categorías.
Os Premios da Crítica entregáronse este sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os Premios da Crítica entregáronse este sábado. (Foto: Nós Diario)

Este sábado ao mediodía, no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo, deuse a coñecer o ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica da Galiza nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. Desde comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ás case 1.500 participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Baixo o lema "Galiza é un país propio, non é unha xeografía habitada" de Francisco Fernández del Riego, xuntáronse 300 persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta da Galiza en Vigo; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura do concello de Vigo, ademais de diversas alcaldías, deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.

Conducido polo xornalista Xosé María Palmeiro, no transcurso do acto Bieito Ledo Cabido foi recoñecido como presidente fundador da asociación Premios da Crítica da Galiza. A escritora María Xosé Porteiro realizou a laudatio para Bieito Ledo na que salientou que de "ademais das súas facianas como editor, libreiro e escritor hai unha que nunca abandonou e que hoxe nos convoca neste acto: a do activismo cultural, a do axitador a quen lle debemos a idea de crear uns Premios da Crítica que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos".

Ao recoñecemento a Bieito Ledo adheríronse Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación da Xunta; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras; Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé María Fonseca e Xesús Alonso Montero, entre outras personalidades.

Os seres queridos de Berta Dávila, Premio de Creación Literaria 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica da modalidade de Creación literaria, formado por  Tensi Gesteira Estévez, blog Lecturafilia; Ana Luna Alonso, docente de Tradución, Facultade de Filoloxía e Tradución (UVigo); Xaquín Núñez Sabarís, crítico e profesor titular da Universidade do Minho; Patricia Porto, libreira; Manuel Rivas, escritor e gañador da edición anterior; Miro Villar, escritor e crítico e Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Barroco (Apiario) de Antía Otero, Materia (Xerais) de Yolanda Castaño, Ninguén queda (Euseino) de Brais Lamela e Os seres queridos (Xerais) de Berta Dávila.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Os seres queridos de Berta Dávila. O xurado salientou que esta obra adéntrase "nun modelo narrativo contemporáneo de destaca sutileza poética". "A obra sobresae pola xenerosidade e honestidade e a conmoción que flúen a través da súas páxinas de xeito brillante. O libro avanza no espazo do escuro, do tabú con contención narrativa levando á lectora a transitar pola violencia de xeito implacábel. En definitiva, atopámonos ante unha obra valente que abre paso a novas narrativas amosando que a valentía debe ser un dos corazóns centrais da literatura", engaden.

O libro negro da lingua galega de Carlos Callón, premio de Investigación 2023

O xurado da modalidade de Investigación, formado por  Lorena Gómez Méndez, Servizo de Información e Referencia da Biblioteca Xeral da USC; María del Carmen Parafita Couto, Centro de Lingüística da Universidade de Leiden; Jesús López Romalde, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC; Xabier R. Madriñán, historiador e gañador da edición anterior;  Cibrán Santamarina Ríos, Departamento de Física de Partículas da USC, Instituto Galego de Física e Altas Enerxías; Sonia Villapol Salgado, neurocientífica no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist de Houston (Texas) e na Facultade de Medicina da Weill Cornell de Nova York e  Inma López Silva, escritora, secretaria, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais) de Daniela Ferrández Pérez; O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais) de Carlos Callón e Maternidades virtuosas. Unha crítica aos moldes profesionais da crianza (Galaxia) de María do Cebreiro Rábade Villar.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade  o premio a O libro negro da lingua galega de Carlos Callón. O xurado salientou "a capacidade da obra para unir e compilar unha cantidade inxente de documentación, combinando o ton divulgativo coa rigorosidade da investigación". Alén diso, o xurado quere destacar "o impacto da investigación nunha actualidade que volve precisar de atención á lingua como espazo de represión nun contexto de digosia que debe ser lembrado e proxectado no futuro".

Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica da Galiza da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, profesor da  UDV;  Ana Isabel Boullón, membro da RAG e profesora da USC;  Arturo de Lombera Hermida, profesor da USC, responsábel do proxecto A Cova de Eirós, gañador da edición anterior; Xurxo Martínez González, investigador, técnico de Normalización Lingüística do concello de Redondela;  Eva Mejuto, escritora e técnica de cultura; María Solar, escritora e xornalista cultural e  Ledicia Costas, secretaria, en representación dos Premios da Crítica acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: aCentral Folque, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Fundación Eduardo Pondal.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O xurado salientou o labor de divulgación relacionado coa astronomía, así como o traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro. Tamén quixo destacar "o labor de visibilizar as científicas galegas, así como a súa defensa da noite fronte a contaminación luminosa".

As Tanxugueiras, premio de Música 2023

Na modalidade de Música, o xurado, formado por  Xulia Feixóo, percusionista e etnomusicóloga; Xiana Lastra, música e profesora; Moncho Lemos, comentarista musical da Radio Galega; Ugía Pedreira, compositora e gañadora da edición anterior; Joaquín (Kin) Martínez, produtor, director de EsmerArte Industrias Creativas; Gloria Rodríguez Gil, compositora, profesora do conservatorio de Vigo e  Jorge Mira, secretario, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Xosé Miguélez, Antía Muíño e As Tanxugueiras.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio ás Tanxugueiras. O xurado salientou o seu "compromiso coa identidade, a cultura e a lingua galegas, a súa defensa do feminismo, a súa influencia inusual na xente máis nova facendo que se identifique co noso, o reforzo positivo da idea de galeguidade e a súa proxección tanto musical como mediática, tanto fóra como dentro das nosas fronteiras".

Teresa Táboas, premio de Artes Plásticas 2023

O xurado da modalidade de Artes Plásticas, formado por  Mónica Alonso, pintora e gañadora da edición anterior;   Delmi Álvarez, fotógrafo; Mariano Casas, ilustrador; Santiago Catalán, arquitecto;  Menchu Lamas, pintora; Agar Ledo, crítica de arte e  María López Sández, secretaria, en representación dos Premios da Crítica da Galiza, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Uqui Permui, Manuel Segade, Teresa Táboas e Cynthia Alfonso e Óscar Raña: «Unha leira de millo» (Espazo Sirvent de Vigo, 2022).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Teresa Táboas. O xurado salientou "o seu labor no campo dunha arquitectura humanista asentada na cultura e o territorio que pon de manifesto a relevancia desta disciplina e as artes plásticas en xeral para a calidade de vida dos cidadáns nunha valiosa confluencia da estética e a arte coa funcionalidade e o benestar". "Os seus méritos levárona a formar parte no 2022 no comité institucional do foro internacional do acceso á vivenda, ano no que foi membro do consello asesor do Museo de Pontevedra, así como do consello da Unión Internacional de Arquitectos, pasando posteriormente a ser vicepresidenta desta institución e acadando así unha dimensión internacional desde unha ollada ancorada na realidade cultural e territorial galega", proseguen.

Teatro Ensalle, premio de Artes Escénicas 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica da modalidade de Artes Escénicas, formado por  Afonso Becerra, crítico, director da revista de ErreguetéCarmen Castro Pombo, organizadora do FIOT de Carballo; Patricia de Lorenzo,  membro de Chévere, gañadora da edición anterior; Carmen Méndez, intérprete; Irene Moreira Fontán, profesora da ESAD; Dolores Vilavedra, crítica, profesora da USC e  Ramón Nicolás Rodríguez, secretario, en representación dos Premios da Crítica da Galiza, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Quico Cadaval, Paula Carballeira, Mofa e Befa e Teatro Ensalle.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  maioría o premio a Teatro Ensalle. O xurado salientou a oportunidade de outorgar o galardón ao Teatro Ensalle en recoñecemento aos seus vinte anos como espazo escénico independente na cidade de Vigo e pola dimensión colectiva do proxecto. Trátase dun proxecto de acollida para propostas non convencionais fincadas nunhas teatralidades de proximidade, constituíndo o único lugar que programa con regularidade danza contemporánea e que recolle o testemuño das históricas salas galegas Teatro Galán e Sala Nasa.

Pepe Coira, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2023

O xurado de Cine e Artes Audiovisuais formado por  Angela Andrada, guionista, presidenta de AGAG;  María Costas, intérprete; Ramiro Ledo Cordeiro, presidente de Atalante produtora, gañadora da edición anterior; Manuel Pena, director de FIC de Bueu; Ángel Sánchez, director de Play Doc de Tui; Sara Traba, directora e Antón Sobral, secretario, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Pepe Coira, guionista; Chelo Loureiro, produtora e directora e Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Pepe Coira. O xurado salientou a súa prolífica actividade, incansábel e comprometida coa creación audiovisual na Galiza. Cunha permanente incidencia na industria e cunha gran capacidade de adaptación a un medio en constante transformación, cunha longa traxectoria en diferentes áreas como creación, divulgación, investigación, educación e produción. Nas que destacamos como fito recente a estrea no ano 2022 da serie Rapa, obra de gran éxito e relevancia a nivel nacional.

Estrelas no Camiño, premio de Cultura Gastronómica 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Alberto Barciela Castro, xornalista; Diego Bellido, médico nutricionista; Iria Otero, enóloga; Victoriano Porto Nogueira, crítico; María Varela, chef A parada das bestas de Palas de Rei, gañadora edición anterior; Begoña Vázquez Gago, chef de Regueiro da Cova de Verín e Mariana Fernández Carballal, secretaria, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Proxecto «Amas da Terra. As mulleres que sosteñen a gastronomía» de Lucía Freitas, Restaurante Beiramar do Grove,  «Estrelas no Camiño. Evento gastronómico solidario» e Restaurante Pepe Vieira.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Estrelas no Camiño. O xurado salientou que Estrelas solidarias no Camiño de Santiago é un dos máis relevantes gastronómicos de España, o que lle engade unha característica solidaria que lle outorga unha singularidade moi particular. Celébrase en Gonte, aldea de pouco máis de cen habitantes (alá en Terras de Negreira), onde se achegan os máis relevantes profesionais da gastronomía, enoloxía e da crítica para degustar produtos esencialmente da terra, enmarcados baixo o selo Galicia calidade ou Pesca das rías, as marcas de viño e cervexas máis renomeadas que acadan unha magnífica proxección.

En Gonte reuníronse no 2022 de forma altruísta 72 estrelas michelin, sendo máis de 30 chefs de prestixio internacional, do Estado español e Galiza. Entre eles o Grupo Nove, Amigos da Cociña Galega e do Centro Superior de Hostalaría da Galiza (CSHG) e Escolas de Formación Profesional. Ademais de promocionar o Camiño de Santiago. Os beneficios de cada edición repártense entre distintas ongs, como a Asociación Anxiños para a infancia en risco de exclusión social, Caritas ou a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Asociación Galega de Síndrome X Fráxil. O evento é promovido polos irmáns Rial (Carmiña, Fran e Rogelio), considerando que é referencial na promoción do rural galego e apoio ao agro industria galega.

Comentarios