Estas son as 18 finalistas dos Premios Youtubeiras 2023

As gañadoras dos oito galardóns daranse a coñecer o 17 de febreiro

Xurado da edición dos premios Youtubeiras 2024. (Foto: Youtubeiras)
photo_camera Xurado da edición dos premios Youtubeiras 2024. (Foto: Youtubeiras)

Un total de 18 finalistas aspiran a gañar un Premio Youtubeiras de entre as oito categorías nas que se divide o certame nesta edición do 2023. As propostas gañadoras obterán 1.000 euros por premio, excepto o premio decidido polo público que recibirá 500 euros.

As categorías nas que se dividen os premios son: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o premio do Público.

Aspiran a dous galardóns seis finalistas: o medio de comunicación ourensán 'OU ké!' (Canle e Rede-), a canle de viaxes 'Toxío' (Canle e Vídeo), 'Recuncho Gamer' (Youtubeira e Pioneiro), a canle sobre fútbol 'Fica coa bóla' (Pioneiro e Público), a creadora de contido Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e a canle sobre medio ambiente ‘Savia Nova' (Revelación e Público).

Así mesmo, o premio Canle tamén ten entre os seus nomeados a 'Cinema Caníbal'. O Premio Youtubeira disputarase tamén entre o programa 'Exército Mekemeke' e a canle de xornalismo, divulgación científica e educación menstrual 'Pingando'. Como Revelación están nomeados, ademais de ‘Savia Nova', 'O Faiado Podcast' e Luís do Río Pena.

Ademais dos citados, Malva aspira ao premio Vídeo; Olaxonmario e Casa Gallinitas ao premio Calidade Lingüística; Lilium a Pioneiro; 'Alma da Vella Chousa' e 'Youtube en Galego' a Rede; e 'Noticias dispersas' ao premio elixido polo público.

Os Premios Youtubeiras son un proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, o cal ten como obxectivo fomentar a creación en galego en Youtube, así como promover estes perfís na rede.

Elección das gañadoras

Os gañadores anunciaranse o 17 de febreiro no Teatro Principal de Compostela. Aínda non se coñece quen presentará a gala, presentada en edicións anteriores por nomes destacados da música como Tanxugueiras, A Panadaría, Iria Pinheiro ou Patricia de Lorenzo.

O xurado, que xa escolleu as finalistas, está conformado por: Fátima Souto, bolseira no Servizo de Normalización de Ames; Nee Barros, escritore, divulgadore cultural e activista; Irene Pin, xornalista e directora audiovisual; Belen Puime, directora e creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista e divulgador musical, e Paula Souto, técnica de Normalización Lingüística de Moaña (O Morrazo), que exerceu como secretaria con voz, pero sen voto.

 

Comentarios