Toxío e Neeumatiko triunfan na gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2022

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu unha gala dinámica e interactiva na cal o público tivo un gran protagonismo e na cal se fomentou a participación do patio de butacas e que estivo chea de sorpresas.
As persoas asistentes á gala este sábado en Carballo (Foto: Youtubeiras).
photo_camera As persoas asistentes á gala este sábado en Carballo (Foto: Youtubeiras).

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de 12 concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego en YouTube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, organizou este sábado no Pazo da Cultura de Carballo a gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2022.

Un total de 22 propostas finalistas aspiraron a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías: Canle, Youtubeira/o, Youtubeira/o Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público.

O certame repartiu 7.500 euros en premios entre as persoas gañadoras, que tamén recibiron un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

A gala

O Pazo da Cultura acolleu unha gala dinámica e interactiva na cal o público tivo un gran protagonismo e na cal se fomentou a participación do patio de butacas e que estivo chea de sorpresas.

Á gala tamén asistiron representantes institucionais das entidades organizadoras. Así, no patio de butacas atopábanse os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero;  de Negreira, Manuel Ángel Leis, e de Rianxo, Adolfo Muíños.

A actriz Cristina Collazo foi a encargada de conducir a gala, que contou coa actuación musical de LaMontagne e PicoAmperio.

A presentadora revestiuse de Rafaela de Carral, unha clara homenaxe á artista Raffaella Carrá, nunha actuación que convertiu o escenario do Pazo da Cultura nun concurso televisivo dos anos noventa.

Ese foi o xogo escénico durante o que se desvelaron os nomes das oito persoas gañadoras dos Premios Youtubeiras na súa sexta edición. 

Tras rematar a entrega, no Pazo da Cultura continuou a celebración con petiscos, posadoiro de vídeo 360º  e música en galego a cargo da DJ Misa.

Eis a relación de gañadoras e gañadores:

  1. O Premio á Canle recaeu en Toxío. O xurado, na súa acta, destacou a súa “alta calidade comunicativa, técnica e estética, así como a continuidade e periodicidade dos contidos cun dominio emocional e ético”.  Acceso á canle nesta ligazón.

 

  1. O Premio á Youtubeira/o recoñeceu e Neeumatiko. No ditame do xurado celébrase o seu carácter de “referente do youtube en galego” e a súa alta “capacidade comunicativa e lingüística”. Acceso á canle nesta ligazón.

 

 

  1. O Premio Youtubeira/o revelación foi para Histérikas Histórikas. “Por unha forma fresca de presentar contidos, cunha alta repercusión, cun formato innovador no Youtube galego”, subliñou o xurado. Acceso á canle nesta ligazón.

 

  1.  O Premio Vídeo levouno Piratas sen parche polo vídeo “Eduardita”, de Piratas sen parche. O xurado puxo en valor a calidade técnica, a creatividade e “a súa orixinalidade á hora de transmitir a mensaxe”. Acceso á vídeo nesta ligazón.

 

  1. O Premio Calidade Lingüística galardoou a canle Falemos do Reino de Galicia pola súa “capacidade para manter os trazos dialectais nun rexistro culto e normativo”. O xurado tamén salientou a forma de usar a lingua: “natural e sen complexos”. Acceso á canle nesta ligazón.

 

  1. O Premio Pioneiro conquistouno Pingando-Laura Veiga. Laura Veiga, colaboradora de Nós Diario, levou o premio pioneiro. O xurado pon en valor o seu xeito de “introducir unha nova temática na Rede galega dunha forma innovadora e atractiva”, demostrando unha vez máis que “a lingua non ten cancelas”. Acceso á canle nesta ligazón.

 

  1. O Premio Rede recaeu en A Lobeira Today. “Pola súa constancia para fortalecer a comunidade virtual galega, por crear e manter vínculos e asociacións”, explicou o xurado no seu ditame. Acceso á canle nesta ligazón.

 

O Premio do Público quedou en mans do vídeo ‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez, por ser o vídeo máis votado polo público. Acceso á canle nesta ligazón.

Comentarios