Contracultura

Carme Pereiro (Youtubeiras): "As creadoras de contido están apostando polo galego, póndoo en valor e dignificándoo"

Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, presenta este proxecto que busca tecer redes máis alá da plataforma. Pereiro aborda para Nós Diario a normalización da lingua en temáticas e formatos diversos, as formacións en liña e presenciais e o incremento de participantes edición tras edición xa que, como ela di, "as creadoras están apostando por unha lingua minorizada e poñéndoa en valor".
A técnica de normalización lingüística do Concello de Carballo, Carme Pereiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A técnica de normalización lingüística do Concello de Carballo, Carme Pereiro. (Foto: Nós Diario)

—Que se agarda da sexta edición dos Premios Youtubeiras?
Queremos que continúe medrando a comunidade, que se fagan máis vídeos en galego, xa non só en Youtube, en todas as redes sociais. Estamos moi contentas pola evolución porque na primeira edición houbo 202 vídeos, mentres que por exemplo na cuarta eran máis de 500. Interésanos que as persoas, a xente nova sobre todo porque o futuro do galego está nela, saiban que hai contido en galego, porque creo que hai moita mocidade que non o sabe. Este ano as inscricións estarán abertas até o 15 de novembro e, como novidade no xurado, estará o gañador da categoría Youtubeiro 2021, Olaxonmario.

Cremos moi importante incorporar a visión dunha persoa que coñece o proceso de creación e a doutras creadoras e por iso será algo habitual nas vindeiras edicións. Ademais, o apoio institucional vén sendo máis ou menos o mesmo, coa volta de Carballo e coa nova incorporación de Rois, xa que un dos requisitos para formar parte é ter un servizo de normalización lingüística, entón eu animo a todos os concellos que están nesta situación a  que se sumen e, os que non teñan o servizo, que o implementen.

—Este ano, a novidade está nas categorías ‘revelación’ e ‘rede’.
A primeira está pensada para premiar unha creadora que non estivera inscrita nas edicións pasadas e, sobre todo, que teña a capacidade de xerar novas temáticas, formatos e contidos. Isto é importante, porque é unha forma de abrir a mente de maneira que se poida ver que o galego pode ser utilizado en calquera eido. Non pode ser que a nosa lingua estea relacionada cunhas temáticas e non con outras. Todos os vídeos que se presentaron ao longo das edicións contaban con diferentes temáticas, mais ao mellor si que hai algúns pouco traballados ou persoas que pensan que, polo tipo de público ao que se dirixen ou por non ser galegofalantes habituais, esta non é a lingua máis apropiada. Mais a creación de contido pode ser un comezo para elas, para neofalantes e para xente que quizais máis adiante fale galego no día a día.

Con respecto á segunda categoría, aínda que o premio se chame Youtubeiras, pretendemos ir moito máis aló: valoramos o feito de crear comunidade noutras redes sociais como Twitter, Twitch, Instagram ou Tik Tok.

—Como funcionan os encontros en liña e presenciais?
Este ano a formación presencial está dirixida aos centros educativos, onde están funcionando moi ben. Paralelamente, organizamos unha conversa en liña, Unicornios e linguas non hexemónicas na rede, que se pode ver na nosa canle de Youtube e na que participaron creadoras de Catalunya, Asturias, Euskadi e Galiza. Tamén organizamos outra formación en liña, Xestións, contas e outros enigmas coa xestora laboral Paloma López Retorta, e outra presencial, a Megacolab, dinamizada por Gingko, como unha oportunidade para a creación colectiva. 

—Cal é o obxectivo final?
Youtubeiras non é só un certame e pretendemos incrementar a presenza do galego na rede, que o número de creadoras de contido en galego continúe aumentando. A finais de ano tamén crearemos un catálogo de youtubeiras para ofrecer un lugar de referencia na busca de contido dixital. Na situación na que está o galego hoxe en día penso que temos que pór en valor esta creación, que inclusive pode fomentar que outras persoas se sumen a facelo. Non hai esa eiva que se comenta moitas veces de que non che van entender noutros lados, porque para algo están os subtítulos. Nós temos un patrimonio lingüístico moi importante e, precisamente, as creadoras están apostando por unha lingua minorizada, póndoa en valor 
e dignificándoa.

Comentarios