"Somos Cultura", a campaña de promoción das industrias culturais que difunde a riqueza de Compostela

A campaña de promoción das industrias culturais que se desenvolverá nos vindeiros meses ten a súa orixe nos sete microeventos culturais que xa se celebraron no mes de decembro, e que agora chegarán ao gran público a través das redes sociais.
Carme Casado, Xan Duro e Xacobe Martínez Antelo.
photo_camera Carme Casado, Xan Duro e Xacobe Martínez Antelo.

Neste mes de marzo, as redes sociais encheranse de contidos audiovisuais para animar o consumo cultural e poñer en valor a fortaleza das industrias culturais de Santiago. Será no marco da campaña "Compostela Somos Cultura", impulsada desde a Concellaría de Promoción Económica, e que chega á súa cuarta edición. O edil do departamento en funcións, Xan Duro, presentou esta segunda feira o programa, nunha rolda de prensa na que participaron o director artístico do proxecto, Xacobe Martínez Antelo, e a técnica da Concellaría de Promoción Económica, Carme Casado

O concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xan Duro, explicou que o proxecto "comezou en 2020 para reactivar o consumo cultural no contexto da pandemia da Covid, e mantívose co obxectivo de reivindicar a importancia do sector, non só en termos estrictamente culturais, senón tamén por razóns económicas e de creación de emprego". Nese sentido, apuntou o edil, esta campaña "está directamente aliñada coas premisas da Axenda Urbana 2030, que prevé diferentes accións para converter a Santiago en centro catalizador da producción cultural na Galiza". 

Precisamente, a Axenda Urbana 2030 está moi presente na cuarta edición de "Compostela Somos Cultura", que pón o foco de maneira transversal noutros obxectivos dese documento como a igualdade de xénero, a revitalización do comercio local, e mesmo a economía sostible. Neste sentido, apóstase por unha comunicación e marketing sen residuos, nos que non se emprega nin cartelería nin panfletos, senón produtos reutilizables, sostibles e biodegradables, como é o caso dun marcapáxinas biodegradable con sementes dentro.

A campaña de promoción das industrias culturais que se desenvolverá nos vindeiros meses ten a súa orixe nos sete microeventos culturais que xa se celebraron no mes de decembro, e que agora chegarán ao gran público a través das redes sociais. Eses eventos foron concebidos co obxectivo de mostrar a diversidade das industrias culturais en Santiago e o talento en diferentes disciplinas. Así, na programación houbo música, con Suelen Estar Quartet e Gloria Pavía; danza, con Kirenia Martínez; teatro e narración oral con Celso San Martín e Borja Fernández; fotografía, con Lorena Cao, e literatura, con Camilo Franco

As súas intervencións realizáronse desta volta en espazos culturais como librarías e bibliotecas de Compostela, "seguindo a liña iniciada nas anteriores edicións do programa, que chegou espazos que habitualmente non son habitados polos e polas artistas", tal e como destacou Xacobe Martínez Antelo. O director artístico de "Somos Cultura" tamén salientou que ao longo das catro edicións do proxecto, "o 80% dos e das artistas ou viven ou teñen unha relación directa con Santiago, que é claramente a cidade na que habita o tecido creativo na Galiza e a que debe reivindicarse como capital cultural". Nese sentido, salientou que o Ciclo "conseguiu abrir unha fiestra á curiosidade pola creación, ao talento de proximidade, á fachenda polos nosos artistas, e a redescubrir da man deles, novas visións da nosa cidade".

Dos microeventos celebrados en decembro xurdiron produtos audiovisuais que serán difundidos nas próximas semanas a través das redes sociais de "Compostela Somos Cultura". En anteriores edicións, o alcance real nas redes sociais do proxecto foi de máis de 200.000 persoas, e case 5.000 persoas conforman a comunidade de seguidoras das redes sociais do proxecto". 

Comentarios