Máis de 300 actividades e unha experiencia "máxica": o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chega á 25ª edición

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra fai 25 anos na edición de 2024, que se desenvolverá do 1 ao 17 de marzo coa maxia como tema vertebrador do seu programa.
A cativada gozando dos libros nunha edición pasada do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
photo_camera A cativada gozando dos libros nunha edición pasada do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Que un salón do libro chegue á súa 25ª edición nestes tempos ten algo de máxico. E talvez por iso o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra escolleu A Maxia como o tema central que vertebra o seu primeiro cuarto de século. Do 1 ao 17 de marzo no Pazo da Cultura desenvolveranse máis de 300 actividades, a metade delas serán en aberto e as outras cento cincuenta destinadas a centros escolares fóra de programa.

Precisamente será un espectáculo de maxia -que só se poderá gozar no Salón-o que inaugure a vixésimo quinta edición do salón na sexta feira, 1 de marzo. 25 anos de maxia: faiado dos contos que foron ou poderían ser, dirixido por Manuel Albariñas e que contará, entre outros, co Ballet de Galiza, o Coro do IES A Xunqueira I ou Su Garrido Pombo.

En total, serán once magos e magas protagonizando nove espectáculos de prestidixitación diferentes: o mago Paco, o mago Teto, Javier Muro, Pedro Volta, a maga Fani... Ademais, o Salón recuperará a presenza dos pastequeiros en Pontevedra cun roteiro que terá lugar o sábado 16 de marzo, As fórmulas máxicas dos pastequeiros, no que se descubrirá a súa pegada na cidade. Os pastequeiros eran curandeiros coñecidos con este nome porque usaban a fórmula latina Pax Tecum, 'a paz estea con vós'.

A partir dese día comezarán a desfilar polo Pazo da Cultura de Pontevedra 47 obradoiros, 38 contacontos, 21 espectáculos e concertos para todos os públicos ademais de cinema, rodalibros, camiñadas, faladoiros e exposicións, entre outras actividades.

Estreas e novidades

Entre algunhas das estreas das que se poderá gozar ao longo dos dezasete días que dura o salón estarán Sinfonía Máxica, o espectáculo do Mago Teto coa Banda de Música de Salcedo; o espectáculo de música e danza para bebés Animais encantados, con Sonsoles Penadique e Carla Cecilia Riquelme; Descubrindo magas, de Raquel Queizás, que reivindica a importante presenza das mulleres na maxia, especialmente na maxia popular; o Menú máxico de contos de Cris de Caldas e Xabi do Camiño; ou O chintófano de Dorothe, de Sonsoles Penadique.

E tamén haberá novidades dentro do propio funcionamento do evento: programarase cinema os domingos pola mañá -no Teatro Principal, que no seu día funcionou como sala de cine-. Entre as películas programadas haberá algunhas chegadas desde Catalunya que, nesta edición, é o país convidado 

Unha ventá a Catalunya

En colaboración con entidades catalás como o IBBYCAt- Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil e coa colaboración do Institut Llamon Lluch, virán desde Catalunya narradoras (Alicia Molina e Sherezade Bardají), autoras como Susana Peix e ilustradores como Dani Torrent. Mais tamén haberá espazo para explorar a conexión entre a Galiza e Catalunya: o público poderá descubrir que existe un grupo de persoas moi interesante, catalán-galegas ou galego-catalás, que tanto desde aquí como desde Cataluya crean xuntando as dúas linguas: Eduard Velasco, Pere Tobaruela, Rena Ortega, Estefanía Padullés…

Tamén os contadores habituais do Salón como Anton Ke e Polo Correo do Vento exploran a tradición oral e a música catalá en espectáculos creados especificamente para o Salón, como o dedicado a descubrir o violonchelista e compositor Pau Casals, El cant dels ocells. E os obradoiros gastronómico-literarios achegarán contos e receitas do país convidado: pa de pessic ou teules catalás

Xeografía do Salón

O público que se achegue até o Pazo da Cultura desfrutará dunha "ambientación sorprendente": a Biblioteca do Salón, por exemplo, estará situada na Fraga de Esmelle, un espazo que homenaxea a novela da fantasía máxica Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. E en O mundo ao revés, poderá atoparse a Biblioteca Infantil entre nubes, aves e naves de altos voos. Paga a pena lembrar que entre as dúas bibliotecas xúntanse máis de 4.000 libros a disposición de todas as persoas que se acheguen, tamén para préstamo.

Pero ademais, as persoas visitantes poderán achegarse ao espazo da Arkandemia, na que se mostra unha selección de produtos da súa farmacopea e se ofrecen prácticas de Bruxaría Básica; ou tamén ao Memorial do Salón, no que se fai un percorrido pola súa memoria a través dos carteis de cada edición e as lembranzas de moitas persoas que colaboraron nel ao longo deste tempo.

No apartado das exposicións, o Salón recunca no tema da maxia: a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración O Garaxe Hermético presenta unha mostra do traballo do alumnado co tema da presenza de seres con poderes máxicos no mundo da BD.

Ademais, as novas tecnoloxías terán o seu espazo con A maxia dos videoxogos, unha exposición acompañada de contido interactivo, obradoiros e actividades guiarán unha viaxe de descuberta, programación, deseño, maxia… e moito xogo.

Programación escolar

Tamén será exclusivo o acto de homenaxe aos centros escolares o sábado 9 de marzo ás 12 horas. Estará conducido por Andrea Bayer e Xacobe Rodríguez -dous mestres, adoitan desenvolver a súa actividade no Salón- e contará cunha parte musical da man de Shi Quartet e Coro Infantil e Xuvenil Luis García Limeses.

As actividades para o ensino son particularmente importantes no desenvolvemento do Salón, malia que ás veces pase desapercibido para o público xeral. Este ano participarán 60 centros de ensino desde educación infantil a universitaria e practicamente gozarán delas 5.000 alumnos e alumnas. Haberá contacontos, espectáculos e -recuperada despois de algún tempo- a festa dos clubs de lectura para ESO e bacharelato. Tamén se retoman as actividades con alumnado de infantil dos centros colaboradores de 3-4-5 anos e, para alumnado universitario, encontros e visitas.

A clausura do Salón estará a cargo do Rock Lab coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Como é habitual, a organización busca a confluencia da creatividade e talento escénico e musical da cidade.

Día da Muller no Salón

 O 8 de marzo, no que se celebra o Día Internacional das Mulleres Traballadoras, cadra xustamente no ecuador do Salón, e para reivindicar a efeméride haberá unha programación especial que porá o acento na igualdade e nas achegas das mulleres, coa maga Fani e a súa Fábrica de feitizos e igualdade, un obradoiro de video do Museo do Videoxogo chamado Mulleres ao poder, ou outro de cociña e contos, Superheroínas con mandil, entre outras actividades. 

Comentarios