As exposicións do Consorcio de Santiago convocan máis de 50.000 visitantes en 2023

A Casa do Cabido  obtén os mellores datos de asistencia desde que foi restaurada polo Consorcio de Santiago no 2011.
A exposición 'Lorca en compostela' atraeu a máis de 26.000 visitantes.
photo_camera A exposición 'Lorca en compostela' atraeu a máis de 26.000 visitantes.

Literatura, motor, fotografía e arquitectura atraeron un total de 50.746 visitantes á Casa do Cabido compostelá, que acolleu cinco exposicións ao longo do 2023, obtendo os mellores datos de asistencia desde que foi restaurada polo Consorcio de Santiago no 2011. 

A Casa do Cabido iniciaba xaneiro de 2023 cunha exposición conmemorativa do 70 aniversario do Moto Club Compostela, que xa tivera grande éxito en novembro e decembro do 2022. 

Seguindo cos aniversarios, a Casa do Cabido acolleu unha mostra na que se debullan os 90 anos de historia da radio na cidade, desde o seu nacemento até a actualidade. 

En xullo, acolleu unha mostra fotográfica e arquitectónica na que as persoas visitantes puideron mergullarse na curiosa mirada da cámara do fotógrafo Fuco Reyes. Un total de 50 instantáneas achegaron ao público a mirada persoal que o artista ten de Compostela. 

A literatura tamén tivo un oco. Neste caso, unha pioneira mostra dedicada a Federico García Lorca e á súa relación con Santiago, a lingua e a cultura galegas. Lorca en Compostela acolleu, entre outras pezas, manuscritos orixinais do autor e debuxos que realizou no Hotel Compostela en 1932. 

Inaugurada o 14 de novembro, a exposición dedicada a arquitecturas non construídas permite facer un percorrido cronolóxico nas imaxes, planos e proxeccións de 14 proxectos arquitectónicos e urbanísticos que non chegaron a construírse na cidade. Proxectos de arquitectos como Rafael Moneo, Álvaro Siza, Norman Foster, Antonio Palacios ou Alejandro de la Sota poden visitarse de balde. 

Comentarios