mércores 12/08/20

Solidariedade e contento arredor do libro na feira de Santiago, a primeira despois da COVID-19

Santiago de Compostela acolle a primeira feira do libro da Galiza e do Estado após a pandemia. Unha iniciativa rodeada de incertezas que despois da fin de semana inaugural deixa moi boas sensacións entre as libreiras, o público e as autoras que se achegaron á Alameda Compostelá. Estará aberta até o día 21.
Antón Pedreira atende o público da feira do libro na Alameda de Compostela (Arxina).
Antón Pedreira atende o público da feira do libro na Alameda de Compostela (Arxina).

"O reencontro co público foi fabuloso". Quen fala é Antón Pedreira, un dos cinco libreiros que até o vindeiro 21 de xuño atende as ansias lectoras da veciñanza de Santiago de Compostela no escenario habitual da feira do libro, a Alameda da cidade. Unha das poucas referencias que se mantén, alén dos nomes das librarías, as autoras e as editoriais que durante estes días gozan do privilexio de ser as primeiras en volver sacar os libros á rúa despois da COVID-19.

A primeira do Estado

Compostela acolle a primeira feira do libro do Estado após a pandemia, unha decisión "difícil" que a Federación de Libreiros da Galiza asumiu nun momento no que a nova normalidade era tan só unha arela. "Estamos moi sorprendidos. As expectativas eran máis ben cativas, a sabendas do medo que había, pero estamos moi contentas, as cinco librarías -Pedreira, Numax, A Gata Tola, Ler e Cortizas- e tamén a editorial Alvarellos. A xente portouse de marabilla, achegouse, respectou as colas, ás veces moi longas, e esperou para que os autores asinasen os seus exemplares".

Público solidario

O público non se deixou vencer polas incertezas e acudiu á feira do libro de Compostela. "Veu menos xente", sinala María Solar, escritora e pregoeira do evento, "mais eu descubrín entre as visitas lectores e lectoras moi concienciadas. Persoas coñecedoras dos problemas que atravesan as profesionais da cultura, especialmente as libreiras, sabedoras da parálise tan fonda que sufriron durante estes meses", practicamente irrecuperábeis.

"Outros anos igual viñan 100 persoas e mercaban 30. Nesta primeira fin de semana de feira igual só viñeron 30 pero compraron todas", engade Solar, quen ao igual que os libreiros sentiu as voces de moitas lectoras pedindo que non lles aplicasen o desconto propio das feiras do libro.

"Recibimos a visita dun público realmente solidario. Paciente, fiel, leal e moi seguro da compra que quería facer. Gardaba a fila e ía a tiro fixo. Foi moi emotivo, ademais, ver como a xente renunciaba ao desconto do 10% que adoitamos aplicar nestes casos convencida de que nas súas mans tamén está unha axuda necesaria para o futuro do sector", salienta Antón Pedreira.

Iniciativa e vendas

As xornadas inaugurais da primeira feira do libro da Galiza e do Estado após a COVID-19 deixa mellores sensacións das esperadas. E tamén mellores vendas. "Malia que para nós, máis importante que os resultados económicas é o feito de saír á rúa e de volver darlle visibilidade aos libros, facelos accesíbeis aos lectores e retomar o contacto con eles", explica Pedreira.

Esa é unha das grandes vantaxes destas citas, apunta o libreiro, xuntar nun mesmo espazo toda a riqueza das librarías. "Con só seis postos reunimos o traballo dunha editora como Alvarellos, do cómic da Gata Tola, da especialización de Numax, do mellor do libro en galego de Pedreira e das últimas novidades en galego e castelán de Ler e Cortizas", destaca.

Con todo, María Solar non quere perder de vista a función orixinal das feiras. "A xente da cultura non vive do aire, e as feiras están aí para achegar os libros á xente e vender. Creo moi importante a iniciativa das librarías galegas. Foron moi valentes, e eu como santiaguesa, ademais de como autora, creo que é moi fermoso tamén ir por diante e servir de exemplo, e non sempre por detrás das propostas dos demais". A proba, di, está en que xa hai quen pide o protocolo deseñado pola Federación de Libreiros da Galiza para poder levar a cabo esta feira do libro, e comezar a organizar as súas propias.

Talvez sexa unha feira testemuñal, pero é moi importante que se estea a realizar.

"Quedei moi contenta coa sensación de seguridade que se viviu no arranque da feira. A xente cumpriu moi ben o distanciamento, os tempos de espera, o lavado de mans antes de tocar os libros. Ese esforzo é doado de percibir. Talvez sexa unha feira testemuñal, pero é moi importante que se estea a realizar. Este regreso dá conta de que as cousas ben feitas saen adiante, e que tanto a vida como o traballo son compatíbeis coas exixencias da nova normalidade", conclúe.

Moitas cousas que cambiar após a pandemia

"A xente que veu á feira do libro de Compostela a pesar da pandemia está realmente concienciada coa necesidade das librarías e da lectura", afirma María Solar, quen durante a sinatura do seu último libro, Quokka Moka, escoitou o relato de moitas persoas que neste tempo retomaron o contacto cos libros. "Nestes meses fixo falta máis que o básico, e aí os libros contribuíron a unha evasión necesaria".

Despois desta experiencia por parte do público lector, da parálise no sector da edición e das perdas acumuladas polos libreiros, as profesionais sinalan a necesidade de repensar o concepto de libraría. "A vocación fíxonos saír á rúa e de cara ao futuro exixe que revisemos e mudemos as cousas para o efecto dominó non acabe con toda a cadea de produción", advirte Antón Pedreira.

comentarios