A cultura busca un futuro para despois da pandemia

O sector cre que o primeiro semestre de 2020 xa está perdido.
Teatro Principal de Compostela (arquivo).
photo_camera Teatro Principal, Compostela

Fecharon as librarías, os teatros, as salas de concertos, os museos, os cines… O estado de alarma decretado para evitar a propagación da COVID-19 vai afectar todos os sectores, pero os máis fráxiles serán os que acusen o golpe con máis forza. E a cultura é un sector sumamente feble: formado na súa meirande parte por autónomas e pequenas empresas de menos de cinco empregados, a súa capacidade de resistencia a un parón que se anuncia longo –a maioría dos profesionais falan xa dun primeiro semestre perdido neste 2020– é moi cativa, como xa se demostrou na crise de 2008.

Segundo a Diagnose para a cultura galega, o informe que publicou o Consello da Cultura Galega en 2018, a cultura xera 2% do PIB galego. Ademais, é un sector que mantiña entón 30.828 empregos, o cal supón 3% da forza laboral galega. Dos traballadores dentro do sector cultural, 80% son por conta allea e o restante son autónomos. Segundo o informe, 70,6% do valor engadido xerado polo sector correspóndese coa fase de creación e produción, que é, ademais, a que dá traballo a un maior número de persoas.

O sector organízase

Por esta razón, o sector reclámalles ás Administracións ser tratado como un dos máis prexudicados e trata de organizarse para coordinar as súas demandas. Dezasete asociacións profesionais traballan xa de xeito colaborativo na elaboración dunha proposta na que se reivindican distintas medidas específicas dirixidas ao sector cultural. Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), explica a Nós Diario que "hai un acordo entre asociacións que representan practicamente todos os sectores da cultura para centrar as propostas e facerllas chegar á Xunta á maior brevidade para que non se esquezan de nós. A cultura non só é un eido moi sensíbel ás crises, senón que habitualmente é o primeiro en sufrir recortes cando non hai cartos. Estamos intentando consensuar medidas que poidamos defender ao unísono diante da Administración".

Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, insiste, en declaracións a Nós Diario, en que as diferentes asociacións "estamos traballando desde o comezo da crise sanitaria, facendo propostas e dialogando permanentemente coa Administración para elaborar un catálogo de medidas que amortezan os efectos máis inmediatos do feches e cancelacións. A Deputación da Coruña xa respondeu algunhas das nosas inquietudes en canto a mantemento das contratacións, aceleración dos pagamentos ou flexibilización das condicións nas datas das actuacións canceladas. Ás veces, os tempos da Administración non son tan rápidos como a nós nos gustaría, pero creo que, en principio, a disposición é boa".

"Ás veces parece mesmo obsceno estar falando do noso sector nun contexto tan crítico e cando hai tanta xente morrendo", explica Rodríguez, "e por iso preferimos traballar con certa discreción; mais o certo é que hai situacións persoais moi dramáticas entre as traballadoras do sector e, sobre todo, moita incerteza sobre o que pode ocorrer nun momento en que todas as expectativas poden cambiar dun día para outro".

Actuar con urxencia é crucial para milleiros de autónomas e de pequenas empresas que continúan á espera de que se elabore un marco legal que tome medidas extraordinarias para asegurar a continuidade do sector e a estabilidade das traballadoras. A presidenta de AGPXC matiza: "estamos pedindo medidas específicas para a cultura e tamén disposicións paliativas: axilizar e reducir o período de pagamento aos provedores das Administracións Publicas, suspensión das cotas a profesionais autónomas, avais… Algunhas destas medidas son competencia estatal e parece que están en vías de aplicación, como as que atinxen aos traballadores autónomos, pero falta por tocar o IVE cultural, que é unha lousa que pesa sobre o sector". Segundo Portela, "cando se subiu o IVE cultural de 10% a 21% repercutiu nas partidas orzamentarias das Administracións públicas. Baixalo podería supoñer un aforro que se podería reinvestir no mesmo concepto de gasto". 

E despois?

Por outra banda, está a cuestión de como imos saír desta crise: "Polo de agora estamos falando dun mínimo de dous meses de paro total, pero é moi probábel que as medidas de seguridade posteriores á corentena reduzan os aforos e os actos que impliquen unha reunión de moitas persoas, desde cines a festivais, van recibir un golpe a maiores. Iso sen contar coas precaucións e o medo que o público herdará desta situación, e que pode inhibilo á hora de asistir a un destes eventos".

Portela subliña que se está facendo demasiado fincapé na reprogramación de actividades canceladas durante estas semanas no segundo semestre "mais hai que ter en conta que non sabemos moi ben cando vai rematar isto e que, daquela, imos ter un exceso de programación para un público que vai ver as súas economías domésticas absolutamente minguadas. Entón, e con independencia das outras medidas económicas e fiscais que se tomen, se non se incentiva o consumo cultural non haberá quen acuda a estas actividades".

Rodríguez tamén insiste neste punto: "temos que buscar a forma de axudar as estruturas, porque hai unha absoluta incerteza sobre cando vai acabar isto e moitos estamos vendo que é probábel que moitas empresas non van poder normalizar a súa actividade até o final do verán. O noso labor agora debe ser atender as necesidades máis urxentes, mais tamén mirar cara ao futuro e tratar de adiantarnos aos problemas que vaian xurdir nos próximos meses: como conseguir que o público retome hábitos culturais, como reforzar a seguridade económica dos artistas…".

En canto ao Xacobeo –que conta cun orzamento de máis de 20 millóns de euros só para este ano– parece existir unanimidade en que debe ser reformulado para favorecer o tecido da industria cultural galega, dado que o propio evento vai precisar unha reconsideración despois desta crise. "Hai un orzamento do Xacobeo que terá que ser redistribuído, é parece de xustiza que haxa unha reasignación de partidas que teña como fin favorecer o sector cultural galego", reclama Portela.

Comentarios